Quiroga presentará este venres os resultados do proxecto ‘Tecendo Memorias’ na Casa da Cultura

A Casa da Cultura de Quiroga acollerá este venres, 25 de setembro, ás 19.00 horas, un encontro aberto á veciñanza para presentar os resultados de ‘Tecendo Memorias’, un proxecto desenvolvido entre setembro e decembro de 2025 para recuperar a memoria oral e os saberes populares do territorio.
A iniciativa, impulsada polo Concello de Quiroga e financiada pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, desenvolveuse nas parroquias de Campos de Vila, A Ermida e Quiroga. No encontro participarán as persoas que integraron os diferentes grupos de traballo, que compartirán as experiencias vividas e os resultados obtidos a partir das súas lembranzas, coñecementos e experiencias.
O proxecto naceu co obxectivo de crear espazos nos que as persoas puidesen lembrar, conversar e reconstruír colectivamente parte do relato local. Para iso desenvolvéronse tres procesos adaptados aos intereses e ás memorias de cada grupo.
Un deles centrouse na recuperación da memoria da aldea da Toca e na súa relación co pasado ligado á siderurxia do ferro, unha actividade estreitamente vinculada coa historia e coa paisaxe da zona. Este traballo deu lugar a un roteiro que desde o pasado mes de xullo forma parte do programa de dinamización local do territorio.
Outra das experiencias puxo en contacto a memoria das participantes coas novas xeracións mediante un encontro entre persoas maiores e escolares. Neste caso, as crianzas asumiron o papel de entrevistadoras para coñecer directamente as historias e vivencias das participantes.
Na Ermida, o terceiro proceso centrouse na memoria relacionada coa alimentación e a cociña. As sesións permitiron recompilar receitas vinculadas ao patrimonio gastronómico da zona e elaborar un informe que reúne os saberes recollidos ao longo do proxecto.
Os resultados amosan diferentes formas de conservar a memoria dun territorio, desde as receitas e os oficios ata as maneiras de traballar a terra, as ferramentas, as palabras, as festas, os camiños, as relacións comunitarias e os coñecementos transmitidos entre xeracións.
O encontro do venres servirá tamén para abordar a posibilidade de dar continuidade a este traballo máis alá de ‘Tecendo Memorias’, mediante un proceso estable de recuperación, documentación e transmisión da memoria oral e do patrimonio cultural inmaterial.
A proposta parte da existencia no Courel de numerosos saberes populares que permanecen vivos nas persoas que os aprenderon e practicaron, pero que poden desaparecer se non se habilitan espazos para recollelos e transmitilos ás novas xeracións.
Neste contexto, o encontro formulará a posibilidade de que o Xeoparque Montañas do Courel impulse unha liña estable de traballo arredor da memoria viva do territorio. Entre os obxectivos estaría identificar persoas portadoras de saberes, recoller as súas voces e experiencias e buscar diferentes vías para devolver ese coñecemento á comunidade.
A intención é que este futuro traballo non se limite á elaboración dunha publicación, senón que poida configurar un arquivo vivo dos saberes do Courel. Este podería incluír entrevistas, fotografías, gravacións de audio, publicacións, roteiros, materiais educativos, mapas de saberes e outros formatos que permitan manter esta memoria accesible e en circulación.
A coordinadora de ‘Tecendo Memorias’, Paula Carrera, explica que o programa permitiu “comprobar que cando se xeran espazos para lembrar e conversar aparecen coñecementos e historias que forman parte do patrimonio do territorio e que non están recollidos en ningún arquivo”. “O que queremos agora”, sinala, “é preguntarnos como podemos seguir escoitando esas voces e facer que estes saberes continúen vivos”.