Quiroga prepárase para a eclipse solar de agosto cunha charla sobre observación segura

A Casa da Cultura de Quiroga acolleu esta mañá unha xornada divulgativa centrada na eclipse total de sol prevista para o próximo 12 de agosto, unha actividade integrada na campaña informativa impulsada pola Deputación de Lugo.
A iniciativa chegou ao municipio a través das áreas de Turismo e Medio Ambiente do Concello de Quiroga e contou coa presenza na súa presentación do alcalde, José Luis Rivera, e do concelleiro de Turismo, Vicente Parra.
A sesión incluíu unha conferencia impartida pola doutora en Astrofísica e divulgadora científica Lucía González Cuesta, quen achegou aos asistentes información sobre este fenómeno astronómico e explicou diferentes recomendacións e ferramentas para poder observalo con seguridade.
Durante a xornada abordáronse tamén diferentes aspectos relacionados coa elección dos puntos de observación máis adecuados. Neste sentido, explicouse que no momento da eclipse o sol atoparase xa a pouca altura sobre o horizonte, polo que elementos como montañas, edificios ou árbores poderían dificultar a visión do fenómeno.
Entre as recomendacións trasladadas aos participantes incidíuse especialmente na importancia de empregar lentes homologadas para a observación solar. Ademais, lembrouse que mesmo utilizando este tipo de protección non se debe mirar directamente ao sol durante máis dun minuto seguido.
Ao remate da actividade, os asistentes recibiron lentes homologadas e dípticos informativos destinados a facilitar a preparación para a observación da eclipse. Segundo se explicou, a provincia sitúase entre os mellores lugares para seguir este fenómeno astronómico.
O material distribuído inclúe información sobre as distintas fases da eclipse, os horarios previstos, os puntos de observación recomendados e consellos sanitarios para evitar posibles danos visuais. Tamén incorpora un código QR que permite acceder á páxina habilitada pola Deputación de Lugo con información adicional, recursos divulgativos e detalles sobre o evento astronómico.
Este material tamén estará dispoñible de forma gratuíta na Oficina de Turismo de Quiroga ata esgotar existencias.
No caso concreto de Quiroga, a eclipse dará comezo ás 19.32 horas, momento no que a Lúa empezará a interpoñerse entre a Terra e o Sol, provocando unha diminución progresiva da luz. O fenómeno rematará ás 21.22 horas e o instante de máxima totalidade producirase ás 20.29 horas, cando a Lúa cubra completamente o Sol e sexa visible a coroa solar.