Quiroga prepara unha nova convocatoria de axudas para estudantes universitarios e doutras ensinanzas superiores

O Concello de Quiroga ten previsto poñer en marcha proximamente unha liña de axudas destinada a apoiar economicamente aos estudantes do municipio que cursen ensinanzas superiores fóra do seu termo municipal durante o curso 2026/2027. O prazo de solicitude activarase en canto se publiquen as bases reguladoras no Boletín Oficial da Provincia.
Para poder optar a esta axuda, os solicitantes deberán cumprir dous requisitos básicos: estar empadroados no concello de Quiroga e acreditar dependencia económica. Consideraranse dependentes economicamente os menores de 25 anos que convivan no domicilio familiar a 31 de decembro do ano anterior ao inicio do curso para o que se pide a axuda, sempre que non conten cun contrato laboral nin percibisen ingresos —á marxe de bolsas— durante 2026.
En canto ao procedemento, as persoas interesadas deberán tramitar a súa solicitude de xeito telemático, empregando o formulario que estará dispoñible na sede electrónica municipal ou no propio Boletín Oficial da Provincia unha vez se faga pública a convocatoria. Xunto coa solicitude será necesario achegar unha copia do DNI, así como o certificado de matrícula expedido polo centro educativo correspondente ou, no seu defecto, o xustificante de ter aboada dita matrícula.
Respecto aos conceptos que poden ser obxecto de subvención, inclúense os gastos de matrícula, a adquisición de libros de texto, o alugueiro de vivenda e os gastos de transporte, sempre que todos estes documentos figuren a nome do propio estudante solicitante.
No que se refire ás cantidades que finalmente se concederán, estas dependerán do volume total de solicitudes recibidas e calcularanse en base á documentación xustificativa achegada por cada candidato, ata esgotar a partida económica destinada a esta convocatoria, que ascende a 8.000 euros.