Quiroga prepara a súa primeira gran decoración nadalega coa colaboración de varios sectores locais

A vila de Quiroga prepárase para vivir un Nadal diferente este mes de decembro. A Concellería de Turismo puxo en marcha unha iniciativa bautizada como ‘Soño de Nadal’, coa que, por primeira vez, boa parte dos espazos públicos do municipio lucirá ambientación nadalega durante estas datas.
A proposta non se limita á instalación de elementos decorativos, senón que pretende sumar a distintos colectivos da localidade no seu desenvolvemento. Entre os sectores chamados a participar figuran o comercio local, o colexio público CEIP de Quiroga e o departamento da muller, que depende do Centro de Información á Muller (CIM).
De feito, este último xa comezou a súa achega ao proxecto. Un grupo de doce mulleres atópase elaborando de xeito artesanal os adornos que posteriormente se empregarán para decorar algúns dos puntos incluídos no percorrido nadalego.
A iniciativa plantexa unha experiencia que combina elementos como a natureza, a narrativa, as tradicións propias destas datas e a participación veciñal. A idea é que quen visite Quiroga poida percorrer diferentes zonas ambientadas con motivos nadalegos, entre luces instaladas nas árbores e decoracións temáticas repartidas polas prazas do municipio.
Aínda que o itinerario poderá gozarse durante o día, dende a organización sinalan que a experiencia acada especial relevancia pola noite, cando a iluminación se converte na gran protagonista do percorrido.
Este proxecto impulsado pola área de Turismo conta cun orzamento de 22.627 euros, financiados pola Deputación Provincial de Lugo. A achega económica chega tras a sinatura dun convenio de colaboración entre a institución provincial e a Concellería de Turismo do Concello de Quiroga, acordo que se rubricou o pasado mes de xullo.