Quiroga pon en marcha un obradoiro para estimular a memoria e favorecer un envellecemento activo

O Concello de Quiroga e a asociación AFAMON puxeron en marcha un novo obradoiro de memoria destinado a persoas maiores de 50 anos que non presenten un deterioro cognitivo significativo. A iniciativa busca favorecer un envellecemento activo e contribuír ao mantemento das capacidades cognitivas.
As sesións incluirán diferentes propostas destinadas a traballar áreas como a memoria, o razoamento, a lectoescritura, o cálculo e a percepción. A través destes exercicios preténdese manter as capacidades cognitivas das persoas participantes, previr situacións de dependencia e facilitar a detección temperá de posibles signos de deterioro cognitivo.
A actividade desenvolverase todos os xoves na aula Cemit da Casa da Cultura de Quiroga, en horario de 18.30 a 20.00 horas.