Quiroga pecha os seus campamentos de verán tras dous meses de actividades para 110 nenos e nenas

Os Campamentos de Verán 2026 do Concello de Quiroga chegaron este venres ao seu remate despois de dous meses de actividades dirixidas á conciliación das familias e ao lecer da rapazada. A iniciativa, promovida desde a área de Igualdade no marco do programa “Concilia Quiroga”, contou cunha matrícula de 110 nenos e nenas durante os meses de xullo e agosto.
Ao longo do verán, os participantes realizaron diferentes propostas tanto nas instalacións dos campamentos como fóra do municipio. Entre as actividades incluíronse obradoiros de distintas temáticas e varias excursións, como a realizada á Granxa Puluán, en Reigada, Monforte de Lemos, onde puideron coñecer de preto o traballo dunha explotación gandeira e converterse por un día en pequenos expertos neste ámbito.
A programación tamén incorporou propostas relacionadas coa natureza e a educación ambiental. Neste apartado, Paco Nogueiras levou aos campamentos o espectáculo infantil “Son Animal”, acompañado dos sons da natureza achegados pola Fundación Legar. Ademais, os participantes recibiron a visita de membros da Garda Civil, que lles mostraron os seus vehículos oficiais.
Unha das actividades máis especiais desta edición foi a creación do mural “A semente somos nós”, unha obra realizada como homenaxe ás persoas que loitaron contra os incendios forestais durante o pasado verán.
As diferentes propostas desenvolvéronse baixo a supervisión da coordinadora e das persoas voluntarias encargadas do coidado dos nenos e nenas durante o horario dos campamentos.
A despedida celebrouse este venres cunha festa que, debido ás condicións meteorolóxicas, tivo que trasladarse ao pavillón municipal. A xornada incluíu actividades como pintacaras e xogos tradicionais, ademais dun almorzo con bocadillos e diferentes larpeiradas.
A música tamén tivo un papel destacado na festa final, coa actuación da compañía Animar.T, que animou os participantes a bailar e gozar das últimas horas desta edición dos campamentos.
Na celebración participaron o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, a concelleira de Educación e Infancia, Maite Pérez Grao, e os concelleiros Vicente Parra, Luis Manuel Arias e Antonio Marcos. Xunto coa coordinadora dos campamentos, agradeceron o traballo realizado polo persoal monitor e as persoas voluntarias, así como a participación dos nenos e nenas e o apoio das súas familias ao longo destes dous meses.