Quiroga organiza no mes de setembro un Campus de Robótica para nenos e nenas de 6 a 12 anos

Quiroga acollerá do 1 ao 7 de setembro un Campus de Robótica dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, unha iniciativa coa que se pretende fomentar a creatividade e o interese pola tecnoloxía entre a mocidade.
Baixo o lema “Clases de Robótica para Pequenos Inventores Creativos”, o campus ofrecerá unha aproximación á programación e á robótica a través de actividades prácticas e dinámicas. As sesións celebraranse na Aula Cemit, situada na Casa da Cultura, e comezarán diariamente ás 10.00 horas.
A proposta combina a vertente formativa coa de lecer e está pensada para achegar os máis novos ao mundo da tecnoloxía dun xeito práctico.
As persoas interesadas en participar poden formalizar xa a súa inscrición directamente na Casa da Cultura. As prazas son limitadas.
O Campus de Robótica conta co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co impulso do Concello de Quiroga.