Quiroga ofrecerá un curso gratuíto de iniciación ao galego para maiores de 16 anos

O Concello de Quiroga organizará a finais de outubro un curso presencial de iniciación ao galego especialmente pensado para persoas que se achegan por primeira vez á lingua. A formación estará aberta a maiores de 16 anos, ou persoas que cumpran esa idade ao longo de 2026, e non será necesario contar con coñecementos previos.
O curso terá unha duración de 20 horas e desenvolverase do 26 ao 30 de outubro, de 9.30 a 13.30 horas, na aula Cemit da Casa da Cultura. As clases serán gratuítas e o alumnado recibirá tamén sen custo o material didáctico necesario.
A actividade está dirixida a persoas que queiran adquirir ou mellorar as súas competencias en galego e ampliar os seus coñecementos sobre a cultura galega. Entre os seus destinatarios están especialmente as persoas procedentes doutros lugares que se incorporaron recentemente á sociedade quiroguesa.
As prazas estarán limitadas a un máximo de 20 participantes e cubriranse por orde de solicitude. Para participar será necesario realizar a inscrición presencialmente na Biblioteca Municipal da Casa da Cultura, situada na rúa Real, s/n, primeiro andar. O curso realizarase sempre que se acade o número mínimo de inscricións.
A formación distribuirase en cinco unidades nas que se combinarán os contidos lingüísticos con outros relacionados coa cultura. A parte dedicada á lingua incluirá unha introdución á fonética do galego, clases de palabras, aspectos básicos de ortografía e regras de acentuación, ademais de recursos prácticos para facilitar a comunicación na vida cotiá.
O programa tamén achegará coñecementos sobre a cultura e a historia de Galicia, con contidos relacionados coa gastronomía, as tradicións, as festas e a música, entre outros aspectos.
O curso está impulsado polas Concellerías de Servizos Sociais e Dinamización Lingüística e chega a Quiroga a través do ofrecemento realizado polo Departamento de Formación da Cruz Vermella de Lugo.
O concelleiro Xosé Manuel Fernández agradeceu a colaboración da Cruz Vermella e destacou a oportunidade que esta formación representa para as persoas que chegan ao municipio. Segundo sinalou, a iniciativa permitirá facilitar a súa integración lingüística e, ao mesmo tempo, contribuír ao coñecemento e ao uso do galego entre os novos habitantes de Quiroga.