Quiroga mantén aberto o prazo de admisión de novos usuarios no Centro de Día

O Concello de Quiroga mantén permanentemente aberto o prazo para a admisión de novos usuarios no Centro de Día municipal, un recurso destinado a ofrecer apoio preventivo e especializado ás persoas maiores e, especialmente, a aquelas que presentan deterioro cognitivo.
O centro combina a atención terapéutica dos usuarios, con especial atención ás persoas con diagnósticos como Alzheimer ou outras formas de deterioro cognitivo, co servizo de respiro para os seus principais coidadores. Entre os requisitos mínimos para acceder ao servizo atópase ter cumpridos os 65 anos, ou 50 no caso de persoas dependentes cando concorran circunstancias que así o aconsellen.
O Centro de Día presta atención desde as 8.00 ata as 20.00 horas e ofrece apoio personalizado nas actividades básicas da vida diaria, incluída a alimentación, con dietas adaptadas ás diferentes patoloxías e preparadas por persoal cualificado. Tamén dispón de servizos de coidado persoal, actividades recreativas e de estimulación cognitiva, atención social, fisioterapia e transporte adaptado para os desprazamentos diarios.
As familias poden escoller entre diferentes modalidades de xornada segundo as súas necesidades. Existe unha xornada completa de 8.00 a 20.00 horas e distintas opcións de media xornada: de 8.00 a 13.30 horas sen comida, de 8.00 a 15.00 horas con comida, de 13.30 a 20.00 horas con comida ou de 15.00 a 20.00 horas sen comida.
Ademais, o centro ofrece xornadas de proba para aquelas familias que teñan dúbidas sobre a adaptación do servizo ás necesidades do seu familiar, permitindo comprobar previamente a súa idoneidade.
O custo das prazas establécese en función do nivel de ingresos de cada usuario. Para facilitar o acceso a este recurso, o Concello de Quiroga subvenciona parte do importe das prazas en función da pensión e da situación económica de cada solicitante. O persoal do centro tamén ofrece asesoramento sobre a tramitación das axudas vinculadas á Lei de Dependencia.
As persoas interesadas en obter máis información ou iniciar o proceso de inscrición poden acudir directamente ás instalacións do Centro de Día, situadas na Ribeira s/n, en Quiroga, ou contactar co servizo no teléfono 982 180 944.