Quiroga inaugura este domingo o “Mes das nosas Letras” cunha representación teatral

RibeiraSacraXa
A veciñanza poderá desfrutar da función “O Transgredir das ondas” no Auditorio Municipal
letras-galegas-teatro-quiroga
9 May 2026

O Concello de Quiroga pon en marcha esta fin de semana a programación do “Mes das nosas Letras”, un conxunto de actividades organizadas con motivo da celebración das Letras Galegas 2026, que incluirá teatro, música, presentacións literarias e o certame de narración e debuxo.

A primeira cita terá lugar este domingo no Auditorio Municipal, a partir das oito da tarde, coa representación da obra “O Transgredir das ondas”. A peza está escrita por Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, e será interpretada por Rocío González, da compañía Berrobambán, baixo a dirección de Chiqui Pereira.

Trátase dun espectáculo unipersoal que pon o foco na figura de Begoña Caamaño, protagonista das Letras Galegas 2026, reivindicando o seu papel como xornalista radiofónica e abordando algúns dos temas centrais da súa obra, como a igualdade entre homes e mulleres, a solidariedade cos colectivos máis desfavorecidos e a defensa da liberdade de expresión no xornalismo.

A obra presenta a unha xornalista que recibe en herdanza un caderno dunha amiga íntima de Caamaño, a partir do cal decide gravar un pódcast en directo. Nesa gravación vanse revelando aspectos menos coñecidos da escritora, ao tempo que se reconstrúe a súa traxectoria vital e profesional a través das súas anotacións e experiencias.

Durante a posta en escena, distintos imprevistos técnicos alteran o desenvolvemento do pódcast, influíndo na narración e engadindo unha dimensión simbólica á historia, coma se a propia figura de Caamaño interviñese no relato para matizar e reivindicar a súa voz, nun xogo entre realidade e ficción que percorre toda a peza.

Con esta representación, Quiroga dá comezo a un mes dedicado á literatura e á cultura galega, que busca poñer en valor a figura de Begoña Caamaño e a súa contribución ao pensamento feminista e social.

0.13854908943176