Quiroga inaugura as Festas de Verán este xoves coa segunda Andaina Nocturna Solidaria e a actuación do Grupo América

RibeiraSacraXa
Concertos, espectáculos familiares, a XXXIV Mostra do Mel e a actuación da Panorama protagonizan a programación entre os días 6 e 10 de agosto
fogos-artificiais-festas
6 Aug 2026

O Concello de Quiroga dará comezo á programación cultural e festiva do mes de agosto coa celebración das Festas de Verán, que se desenvolverán entre os días 6 e 10 cunha ampla oferta de actividades pensadas para todos os públicos.

A programación arrancará o xoves 6 de agosto coa segunda Andaina Nocturna Solidaria, que comezará ás 22.00 horas. Ao remate da marcha, o público poderá desfrutar da actuación do Grupo América, formación histórica que este ano celebra o seu 50 aniversario e que levará ao escenario un repertorio de rock and roll e grandes éxitos internacionais e en galego.

A música continuará o venres 7 de agosto coa sesión da Disco Móvil EME Music. O sábado 8 haberá sesión vermú e, ás 20.30 horas, o anfiteatro da praza do Auditorio acollerá o Show de Fifo, de Troula Animación. O espectáculo combinará música, baile, humor e xogos participativos dirixidos especialmente ao público infantil.

A programación musical da noite continuará na praza da rúa Lago coa actuación de De Vacas, que presentará o espectáculo Revovina Divas Live, unha proposta que mestura humor, crítica, retranca e versións en galego de coñecidos temas comerciais. Xa pasada a medianoite, a rúa Real recibirá un tributo a ABBA, cun espectáculo dedicado aos grandes éxitos do mítico grupo sueco e unha posta en escena inspirada na súa estética e repertorio.

O domingo 9 de agosto, ás 20.00 horas, o anfiteatro da praza do Auditorio será escenario de A Banda do Verán, un proxecto musical e teatral en galego encabezado por Xoán Curiel que combina contacontos, música en directo, danza e clown para o desfrute de toda a familia.

Unha hora despois, a praza da rúa Lago acollerá o concerto de A Banda da Balbina, que ofrecerá un repertorio de temas propios inspirados no rural galego, con letras en galego e unha mestura de ritmos festivos e retranca.

A xornada concluirá ás 22.30 horas coa sesión de fogos artificiais na praza de España. A continuación, subirá ao escenario Gintoni’s, banda do Saviñao coñecida polas súas versións de clásicos do pop rock español das décadas dos 80 e 90.

As Festas de Verán rematarán o luns 10 de agosto coa celebración da XXXIV Mostra do Mel de Quiroga. O recinto feiral abrirá ás 11.00 horas para exhibir e promocionar o mel e os produtos derivados elaborados nas diferentes zonas do municipio.

A xornada contará tamén cunha sesión vermú amenizada por Jorge Ferre, cantante con ampla traxectoria nas orquestras galegas, e culminará coa actuación da orquestra Panorama, que presentará en Quiroga a súa xira Time Tour 2026, un espectáculo de gran formato con música en directo, coreografías, pantallas xigantes, efectos especiais e un amplo repertorio musical.

0.12236404418945