Quiroga impulsa a formación dixital con cursos gratuítos de intelixencia artificial

RibeiraSacraXa
O programa inclúe a posibilidade de obter un certificado oficial expedido pola Xunta de Galicia ao rematar con éxito os obradoiros
quiroga-cursos-formacin-dixital
23 May 2026

O Concello de Quiroga está a desenvolver un programa de formación gratuíta centrado na alfabetización dixital da cidadanía, cunha proposta que pon o foco na intelixencia artificial como ferramenta clave para o presente e o futuro laboral.

O ciclo formativo, que se imparte na aula CeMIT da Casa da Cultura, foi presentado e inaugurado polo alcalde de Quiroga e está dirixido a persoas de entre 18 e 65 anos interesadas en mellorar as súas competencias tecnolóxicas ou reforzar o seu perfil profesional.

O programa inclúe a posibilidade de obter un certificado oficial expedido pola Xunta de Galicia ao rematar con éxito os obradoiros, un recoñecemento que pode ter utilidade no ámbito laboral.

A oferta estrutúrase en tres accións formativas. A primeira, baixo o título “Intelixencia artificial: coñece un novo aliado”, introduce os conceptos básicos desta tecnoloxía e a súa aplicación no día a día. A segunda está centrada na procura de emprego, con ferramentas para mellorar currículos, preparar entrevistas e optimizar a busca de ofertas. A terceira aborda o uso da intelixencia artificial para a creación de contidos e a automatización de tarefas, co obxectivo de mellorar a produtividade.

As primeiras sesións xa deron comezo esta semana e o calendario formativo prevé novas edicións os días 26 e 27 de maio, así como os sábados 23 e 30, con quendas de mañá e tarde.

Desde o Concello lembran que aínda existen prazas dispoñibles para as próximas convocatorias, polo que as persoas interesadas poden inscribirse a través do departamento de orientación laboral municipal.

0.11807203292847