Quiroga entrega os premios da fase local do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas

A Biblioteca Pública Municipal de Quiroga entregou os premios aos gañadores da fase local do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2026, unha iniciativa que busca fomentar a creatividade e o gusto pola lectura entre os máis novos.
Nesta edición, todos os nenos e nenas premiados son estudantes do CEIP de Quiroga, polo que o acto de entrega dos galardóns tivo lugar no patio do propio centro educativo. A encargada de realizar a entrega foi a concelleira de Educación, Maite Pérez.
O certame desenvolveuse baixo o lema "Medrar lendo", unha proposta que convidaba aos participantes a lembrar e compartir aqueles momentos nos que os libros ocupan un lugar especial na súa vida. A través das narracións e dos debuxos presentados, os escolares plasmaron experiencias vinculadas á lectura, reflectindo como os libros poden contribuír a comprender mellor o mundo, estimular a imaxinación e ofrecer compañía.
Os traballos seleccionados nesta fase local representarán agora ao municipio na fase provincial do concurso, convocada pola Biblioteca Pública Provincial de Lugo e patrocinada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.