Quiroga en Marcha organiza unha nova edición do seu encontro anual arredor do viño

A Asociación Quiroga en Marcha celebrará unha nova edición do seu encontro anual arredor do viño, que chega xa á súa quinta convocatoria. A actividade xirará nesta ocasión en torno á paisaxe da Ribeira Sacra, o medio ambiente e a emerxencia climática.
O programa incluirá dúas conferencias. A primeira será impartida por Valeriá Paul Carril, catedrático da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, quen abordará os límites e a configuración da paisaxe da Ribeira Sacra desde unha perspectiva xeográfica e patrimonial.
A segunda intervención correrá a cargo de Odile Rodríguez de la Fuente, bióloga, divulgadora científica e fundadora da fundación que leva o nome do seu pai, Félix Rodríguez de la Fuente. A súa exposición centrarase na crise climática actual e nas súas consecuencias sobre as persoas e o medio natural.
Ao remate das charlas, as persoas asistentes poderán participar nunha degustación de viños de Quiroga.
O encontro terá lugar o sábado 13 de xuño, a partir das 11:00 horas, no Auditorio Municipal. A entrada é gratuíta, aínda que será necesario realizar inscrición previa a través do correo electrónico quirogaenmarcha@gmail.com ou no teléfono 629 945 410.
A iniciativa conta co patrocinio das adegas Casa de Outeiro, Adamare Wines, Alvaredos-Hobbs e Val de Quiroga, así como da Reale Foundation, ademais da colaboración do Concello de Quiroga.