Quiroga comeza a conta atrás para a XL Feira do Viño co desfile da Cofraría do Viño de Quiroga
Xusto dentro dunha semana Quiroga estará inmerso na celebración da XL Feira do Viño e esta conta atrás xa se deixa sentir na vila quiroguesa. A Confraría do Viño de Quiroga anunciaba que esta festa está próxima e facíao co seu tradicional desfile pola rúa Real acompañada da banda de gaitas O Recanto.
A unha e media do mediodía os confrades, ataviados co seu vistoso traxe de gala (capa de cor burdeos e sombreiro negro), recorrían a travesía principal da vila quiroguesa, dende a Casa Consistorial ata o Museo Etnográfico de Quiroga.
Este solemne acto, -que preside o Confrade Maior, o alcalde quirogués Julio Álvarez, e o presidente da Confraría, J. Manuel Rodríguez-, forma parte dos prolegómenos da Feira do Viño de Quiroga dende o ano 2012, ano no que se fundou esta congregación, que conta dende entón con 23 membros.
Como remate do desfile, nas inmediacións do Auditorio, descubríase o banco pintado en homenaxe ao viño e que forma parte do proxecto de pintar os bancos máis deteriorados da vila dándolle unha nova vida. Tras o primeiro banco relacionado co Día da Muller agora Quiroga acolle un segundo bando, nesta ocasión en alusión o produto máis importante do municipio.
Xa a porta pechada, os membros do gremio realizaban unha xunta xeral anual na que que se tiña previsto dar conta dos informes do presidente e do estado de contas da confraría.