Quiroga celebrará o 24 de xullo a segunda edición da Summer Begin’s con cinco DJs no Parque da Constitución

RibeiraSacraXa
A Festa da Xuventude reunirá a partir das 21.00 horas a Sote, Borja Solla, Anxo Silva, Dani Daniel e Samucapi nunha noite dedicada á música urbana e electrónica
summer-begins-quiroga-cartel-2026
14 Jul 2026

A Concellería de Xuventude do Concello de Quiroga organiza o vindeiro 24 de xullo a II Summer Begin’s, unha cita que volverá converter o Parque da Constitución no escenario dunha noite de música ao aire libre.

A festa dará comezo ás 21.00 horas e contará coa participación de cinco DJs que se sucederán ao longo da noite co obxectivo de ofrecer unha sesión continua de música urbana e electrónica.

O encargado de abrir o cartel será DJ Sote. O artista e produtor galego está especializado en música urbana e underground e ao longo da súa traxectoria actuou en salas do norte de España e en cidades como Madrid, Barcelona, Málaga, Granada, Almería ou Tenerife, ademais de ofrecer sesións en Polonia.

Ás 22.30 horas será a quenda de Borja Solla, DJ e produtor pontevedrés considerado unha das promesas do panorama urbano latino. A súa proposta musical ten como principal protagonista o reggaeton.

Xa á media noite subirase á cabina Anxo Silva, outro dos nomes galegos do cartel. Cunha ampla traxectoria na escena da música urbana e latina, centrará a súa sesión en estilos como o dembow, con ritmos rápidos de orixe caribeña orientados á pista de baile, e no reggaeton clásico.

A partir da unha e media da madrugada repetirá na Summer Begin’s Dani Daniel. O DJ e locutor de radio valenciano é unha figura consolidada da música remember valenciana, do tardeo e da movida nocturna.

O peche da festa correrá a cargo de Samucapi. O DJ galego, habitual en eventos do norte de España e gañador de varios concursos locais, ofrecerá unha sesión baseada na interacción co público e na combinación de ritmos da escena urbana con xéneros como o reggaeton, a música urbana, o Latin Tech e o funky brasileiro.

A organización anima aos afeccionados á música urbana, á electrónica e ao ambiente festivo a reservar a data do 24 de xullo para asistir a esta segunda edición da Summer Begin’s.

0.12302803993225