Quiroga arranca un mes de agosto cheo de festas, música, tradición e actividades culturais

Quiroga dará comezo ao mes de agosto cunha intensa programación de actividades que se prolongará ata os primeiros días de setembro e que incluirá festas populares, concertos, tradición, propostas culturais e iniciativas dirixidas ao público infantil.
O calendario abrirase coas Festas de Verán, que se celebrarán entre os días 6 e 10 de agosto. A primeira xornada contará coa segunda Andaina Nocturna Solidaria, que arrancará ás 22.00 horas. Ao remate da andaina, a música correrá a cargo do Grupo América.
O 7 de agosto, a programación musical continuará coa actuación da Disco Móvil EME Music. O 8 de agosto haberá sesión vermú e o espectáculo Show de Fifo, de Troula Animación, no anfiteatro da praza do Auditorio. Xa pola noite será a quenda dos concertos do grupo De Vacas e dun Tributo a ABBA. O 9 de agosto, o anfiteatro da praza do Auditorio acollerá un novo espectáculo da Banda do Verán. A continuación actuará a Banda da Balbina e, tras a sesión de fogos artificiais, pecharán a noite os Gintoni's.
As festas concluirán o 10 de agosto coa celebración da XXXIV Mostra do Mel de Quiroga. O recinto feiral abrirá ás 11.00 horas, haberá sesión vermú amenizada por Jorge Ferre e a xornada rematará coa actuación da orquestra Panorama.
A programación continuará o 12 de agosto, coincidindo coa noite da eclipse solar, cando Tonhito de Poi e a súa Banda ofrecerán un concerto na praza da rúa Lago. O 22 de agosto celebrarase a décima edición do Qui-Roma, a festa castrexo-romana de Quiroga. O 29 de agosto, o Auditorio Municipal será o escenario dun concerto de piano a cargo de ERBE, que interpretará obras de Mahler e Brahms.
Como peche da programación, entre os días 1 e 7 de setembro, desenvolverase na Casa da Cultura un campus de robótica infantil, organizado en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación Provincial.