Quiroga amplía a programación turística con tres novas propostas para descubrir o territorio

O programa de dinamización turística “Descubrir Quiroga”, impulsado pola Concellaría de Turismo de Quiroga en colaboración coa Deputación de Lugo, incorpora novas actividades durante os meses de agosto e setembro para achegar diferentes aspectos do territorio ás persoas participantes.
A primeira das propostas será o domingo 30 de agosto con “Paisaxes Sonoras do Val da Seara”, unha experiencia pensada para coñecer este espazo desde unha perspectiva diferente, prestando especial atención á contorna natural e á riqueza dos sons que a caracterizan.
A programación continuará o 5 de setembro cunha das actividades máis novas do programa, “Segway Mini Aventura”. Trátase dun percorrido polo Paseo Fluvial de Quiroga que permitirá descubrir a paisaxe local dun xeito diferente, empregando estes vehículos de dúas rodas.
Xa o 12 de setembro celebrarase “Raíces e Ritmos das Montañas”, unha actividade no Museo Etnográfico de Quiroga orientada a achegar aos participantes ás tradicións, á artesanía e á cultura propia das montañas quiroguesas.
As persoas interesadas en participar e que aínda teñan praza dispoñible poden formalizar a inscrición presencialmente na Oficina de Turismo de Quiroga, a través do teléfono 982 435 125 ou no correo electrónico turismo.quiroga@eidolocal.es.