Quiroga actúa en 21 puntos das súas rúas para mellorar a accesibilidade

Os participantes do obradoiro dual de emprego SilLor XII están a desenvolver diferentes actuacións para mellorar a accesibilidade e os itinerarios peonís en varias rúas da vila de Quiroga. Os traballos céntranse na Rúa Real, Rúa Río Lor e Rúa Pereiro, onde se intervirá nun total de 21 puntos.
As actuacións consisten principalmente no rebaixe dos bordos das beirarrúas nos pasos peonís. Nalgúns casos, esta solución poderá substituírse pola instalación de pasos de cebra elevados á mesma cota que a beirarrúa. Cando se opte por esta alternativa, os traballos realizaranse unicamente atravesando a vía principal e non nos pasos correspondentes ás vías transversais.
Os rebaixes incorporan pavimentos táctiles co obxectivo de facilitar tamén a mobilidade das persoas con discapacidade visual. En concreto, están previstos 17 puntos de actuación na Rúa Real, dous na Rúa Río Lor e outros dous na Rúa Pereiro.
Ademais destas intervencións, o obradoiro xa realizou a reparación da beirarrúa da estrada LU-623, á altura do campo da festa da Riveira, e está a executar traballos de acondicionamento no Centro de Día.
As obras forman parte da formación práctica dos alumnos-traballadores do SilLor XII, nas especialidades de Pavimentos e albanelería de urbanización e Operacións auxiliares de acabados ríxidos. O obradoiro comezou o pasado mes de xuño e continuará ata febreiro de 2027.
O proxecto está promovido polos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, que participan como asociados, e permite ofrecer formación e emprego a 20 persoas desempregadas dos tres municipios.