Quiroga acollerá un obradoiro do Colexio de Xornalistas de Galicia para aprender a combater a desinformación

A Casa da Cultura de Quiroga acollerá este xoves 16 de xullo, a partir das 19.30 horas, un obradoiro contra a desinformación promovido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) dentro do seu programa de alfabetización mediática na provincia de Lugo. A iniciativa conta coa subvención da Deputación Provincial de Lugo.
A sesión está dirixida á poboación adulta e ten como obxectivo fomentar o consumo crítico da información e facilitar ferramentas para identificar con maior facilidade as noticias falsas e distinguir a información veraz.
O obradoiro será impartido pola xornalista Pilar Rodríguez Losada, profesional con ampla experiencia como redactora e editora na Televisión de Galicia e nas plataformas en liña da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. Ao igual que o resto do equipo docente do programa, recibiu formación específica en alfabetización mediática para trasladar á cidadanía estratexias que permitan recoñecer e combater a desinformación.
A asistencia será libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala, sen necesidade de realizar inscrición previa.
Desde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia sinalan que a proliferación de noticias falsas afecta tanto ao exercicio do xornalismo como á calidade democrática da sociedade, polo que consideran necesario dotar á cidadanía de coñecementos e ferramentas que lle permitan facer fronte á desinformación. O programa adapta para a poboación adulta unha iniciativa formativa que a entidade desenvolve desde hai anos nos centros educativos galegos.
A campaña chegará a unha vintena de concellos da provincia de Lugo, entre eles Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro.
Os obradoiros están impartidos por profesionais colexiados do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entre os que figuran María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, María Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A iniciativa está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.