Quiroga acollerá este domingo a presentación da revista de pasatempos “Lobos te coman!”, centrada no patrimonio local

RibeiraSacraXa
Trátase dunha publicación elaborada pola profesora e escritora Celia Díaz Núñez e editada pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo
presentacion-revista-lobos-te-coman-quiroga
28 May 2026

O vindeiro sábado 30 de maio presentarase en Quiroga a revista de pasatempos “Lobos te coman!”, unha publicación elaborada pola profesora e escritora Celia Díaz Núñez e editada pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, en colaboración coa Concellería de Dinamización Lingüística do Concello de Quiroga.

O acto terá lugar na Casa da Cultura ás 19:00 horas e enmárcase no peche das actividades do “Mes das nosas letras”, organizadas polas áreas de Cultura e Dinamización Lingüística do municipio.

Celia Díaz Núñez conta cunha ampla traxectoria literaria con obras de narrativa, teatro e novela, ademais de materiais didácticos para a aprendizaxe da lingua galega. No ámbito dos pasatempos, xa publicara en 2002 “Restra de Letras”, ao que agora dá continuidade con esta nova proposta.

A revista inclúe 45 xogos diferentes, entre eles encrucillados, sopas de letras, xeroglíficos, autodefinidos, encadeados, cruzadas e dameiros, todos acompañados do seu correspondente solucionario. O contido complétase con fotografías de Ramón Vila Anca que amosan distintos espazos do municipio e con códigos QR que permiten acceder a rutas de sendeirismo, murais, museos e puntos de interese do Xeoparque Montañas do Courel.

“Lobos te coman!” combina o entretemento coa divulgación, xa que os xogos se centran en aspectos do Concello de Quiroga como a paisaxe, a etnografía, a historia, a xeoloxía, a economía ou as tradicións locais. A publicación propón así un percorrido polo territorio tanto físico como virtual.

A revista está editada integramente en galego e busca contribuír á difusión e ao uso da lingua a través de contidos lúdicos e divulgativos. As persoas asistentes ao acto de presentación recibirán un exemplar de agasallo, e tamén se distribuirá nos centros educativos do municipio. Ademais, haberá exemplares dispoñibles na Biblioteca Municipal e na Oficina de Turismo de Quiroga.

0.11567282676697