Quiroga acolle tres concertos esta fin de semana para celebrar as Letras Galegas

RibeiraSacraXa
O Grupo Vocal Entrelas, a Coral Cantar Delas e a Coral Polifónica de Quiroga actuarán este sábado, 16 de maio, continuado coa programación do “Mes das nosas letras”
concerto-musica-vocal
13 May 2026

Quiroga continúa esta fin de semana coa programación do “Mes das nosas letras”, organizada polo Concello con motivo da celebración das Letras Galegas. Dentro das actividades previstas, a música vocal será a protagonista este sábado, 16 de maio, cun concerto que reunirá na Casa da Cultura, ás 20.00 horas, ao Grupo Vocal Entrelas, á Coral Cantar Delas e á Coral Polifónica de Quiroga.

O Grupo Vocal Entrelas está formado exclusivamente por voces femininas e caracteriza as súas actuacións polas interpretacións maioritariamente a capela. O seu repertorio abrangue estilos moi diversos, desde música tradicional e habaneras ata jazz, pop ou son cubano. A formación tamén destaca pola súa posta en escena e pola conexión co público.

Pola súa parte, a Coral Cantar Delas é o único coro de voces brancas da provincia de Lugo. Ao longo da súa traxectoria desenvolveu proxectos centrados na música medieval, tomando como referencia as Cantigas de Martín Códax e as de Afonso X o Sabio, ademais de iniciativas recentes como o ciclo “Creadoras de música”, dedicado a reivindicar o papel das compositoras na historia da música.

No concerto tamén participará a Coral Polifónica de Quiroga, fundada en 1991 e integrada actualmente por unha trintena de voces dirixidas por Fernando Sanmartino Pérez. Dende a súa primeira actuación, en 1992, mantivo unha actividade constante participando en certames e programas televisivos, ademais de interpretar a Misa do Peregrino na Catedral de Santiago e gravar un CD baixo a dirección de Alfonso Campos.

A actividade está organizada polas áreas de Cultura e Dinamización Lingüística do Concello de Quiroga e conta coa colaboración da Vicepresidencia.

0.12810611724854