Quiroga acolle hoxe unha conferencia sobre o pregamento de Campodola e varias visitas guiadas

RibeiraSacraXa
Quiroga acolle hoxe unha conferencia sobre o pregamento de Campodola e varias visitas guiadas polas terras do xeoparque Montañas do Courel
Terras Xeoparque Montañas do Courel
22 Oct 2022

Hoxe sábado 22 de outubro terá lugar na casa da cultura do concello de Quiroga, unha charla divulgativa impartida polo profesor Martínez Catalán da Universidade de Salamanca sobre o pregamento de Campodola.

A conferencia impartirase de 11.00 a 12.30 horas baixo a denominación A Cada Paso Unha Postal e o tema principal que se abranguerá nela serán Os pliegues acostados das montañas do Courel: xeometría e mecanismos de deformación.

Unha vez finalizada a charla, os asistentes poderán asistir a varias visitas de campo polas terras do xeoparque Montañas do Courel e a unha degustación de produtos típicos da zona.

As visitas comezarán ás 12.30 horas nas lousas de Pacios da Serra, ás 14.00 horas terá lugar a degustación de produtos locais, ás 16.00 horas visitarase o pregamento deitado das Montañas do Courel no val do río Pacios e no punto de observación de Penas Rubias, ás 17.45 horas o Museo xeolóxico de Quiroga e por último, ás 18.30 horas o Centro de interpretación da Minería Aurífera Romana en Ribas de Sil.

Pregamento de Campodola

O Pregamento de Campodola foi declarado monumento natural en abril de 2012 e  lugar de interese xeolóxico internacional. Está situado no concello de Quiroga, entre as aldeas de Campodola e Leixazós, e é a pegada máis evidente e espectacular do punto de unión de dúas masas continentais que deron lugar á formación do territorio emerxido de Galicia tal e coma o coñecemos hoxe.

Nos montes de Campodola e Leixazós apréciase con claridade o proceso de pregamento que xerou este choque grazas á erosión que deixou ao descuberto a súa estrutura interna nun gran corte vertical, que pode contemplarse con total claridade nas dúas marxes do río Ferreiriño.

O popularmente coñecido como plegamento de Campodola-Leixazós constitúe un exemplo típico do que se denomina pregamento deitado. As capas que o compoñen conteñen distintos minerais de períodos xeolóxicos distintos, como roquedos de ton claro: cuarcitas do Arenigiano e zonas escuras con vexetación.

0.1702721118927