Quiroga acolle a presentación da obra teatral “A Aira dos Ventos” de Jesús Alfonso Parada

O Concello de Quiroga acollerá este venres a presentación do libro A Aira dos Ventos, do autor Jesús Alfonso Parada. O acto terá lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura e enmárcase na programación de “O mes das nosas letras”, impulsada polas áreas de Cultura e Dinamización Lingüística.
A Aira dos Ventos é unha peza teatral editada por Avant Editorial, cunha extensión de arredor de 70 páxinas e ilustracións realizadas polo propio autor. A obra aborda a vida no rural, centrándose na historia dun neno sometido a un estrito control familiar, obrigado a participar nas tarefas cotiás mentres renuncia ao xogo e ás actividades lúdicas. Xa na idade adulta, tras a morte dos seus proxenitores, deberá enfrontarse a novas dificultades máis sutís e inesperadas.
A peza constrúe unha narrativa na que conviven mito e realidade, situando o rural galego como escenario principal e incorporando elementos lendarios como a figura da Raposa da Morgaza, que interactúa cos personaxes ao longo das distintas escenas. A música tamén ten un papel relevante na obra, evocando tanto o rural dos anos setenta como referencias medievais vinculadas ás Cantigas de Santa María.
Segundo a descrición da obra, trátase dun texto no que os silencios e as emocións contidas cobran especial importancia, deixando espazo á interpretación do lector e á súa participación na construción do relato. A Aira dos Ventos preséntase como un espazo simbólico no que os conflitos se resolven de maneira case mítica, converténdose nun elemento central da historia.
O autor, natural de Meiraos, no concello de Folgoso do Courel, desenvolve unha ampla traxectoria literaria e artística centrada na etnografía, as tradicións e a paisaxe da serra do Courel. Formado en Historia, Traballo Social e Animación Sociocultural, combina a súa actividade creativa coa divulgación do patrimonio cultural do rural galego.
Parada conta cunha extensa obra publicada que inclúe ensaios e poemarios, e con esta nova publicación dá o salto ao xénero teatral para abordar a vida no rural e o universo emocional dos seus protagonistas.