Quiroga achégase as claves do eclipse solar a través dunha conferencia a cargo de Jorge Mira Pérez

A Casa da Cultura de Quiroga acollerá este venres, 8 de maio ás 20:00 horas, unha conferencia titulada “Galicia, porta de entrada da eclipse solar 2026”, impartida por Jorge Mira Pérez, catedrático do departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A sesión estará centrada nun dos acontecementos astronómicos máis relevantes das próximas décadas: a eclipse total de Sol prevista para o 12 de agosto de 2026, a primeira deste tipo visible na Península Ibérica en máis dun século, desde a que tivo lugar en 1912. Durante a charla, o investigador explicará que é unha eclipse solar, como se produce e a importancia científica que este tipo de fenómenos tivo ao longo da historia no avance do coñecemento astronómico.
Ademais de repasar estes aspectos, Mira detallará as condicións concretas nas que se poderá observar o fenómeno desde España. No caso de Galicia, será a primeira rexión da península en percibir o inicio da eclipse. En Quiroga, segundo datos do Instituto Xeográfico Nacional, comezará arredor das 19:32 horas, cunha diminución progresiva da luz solar ata alcanzar o seu punto máximo ás 20:28, momento no que a lúa cubrirá por completo o sol durante algo máis dun minuto. A eclipse rematará sobre as 21:22 horas.
No conxunto do territorio español, a eclipse será total na maior parte da metade norte, mentres que no sur se observará de forma parcial. Este evento forma parte dunha secuencia excepcional de eclipses visibles desde a península, á que seguirán outros fenómenos similares en 2027 e 2028, aínda que non se repetirá unha eclipse total en España ata o ano 2053.
Jorge Mira conta cunha ampla traxectoria académica e científica. Catedrático de electromagnetismo na USC, foi recoñecido coa Medalla Galicia de Investigación en 2022 e ten participado en diferentes organismos e comités científicos de ámbito autonómico e estatal. Ademais, destaca polo seu labor de divulgación científica, presente desde hai máis de 25 anos en medios de comunicación, polo que recibiu o Premio da Confederación de Sociedades Científicas de España á difusión da ciencia en 2023.