Preto de 150 persoas participaron na Festa da Primavera do Centro Social nun xantar de convivencia

Preto de 150 socios e socias do Centro Social participaron este pasado xoves na tradicional Festa da Primavera, un xantar de convivencia pensado para o desfrute das persoas usuarias e que marca o inicio do cambio cara ás actividades da época estival.
Para poder asistir a este encontro gratuíto era necesario ter abonada a cota de socio correspondente ao ano 2026 e realizar a inscrición previa.
O Equipo de Goberno ao completo achegouse ás instalacións do Centro Social para saudar ás persoas participantes no xantar e colaborou tamén no servizo das mesas durante a comida.
Durante a xornada interviñeron o rexedor local, José Luis Rivera, e o concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández, quen deron a benvida ás persoas asistentes. Nas súas intervencións anunciaron que en breve entrará en funcionamento a climatización recentemente instalada no centro, e lamentaron que nun día de forte calor como o de hoxe o sistema aínda non estivese operativo.
Así mesmo, puxéronse á disposición das persoas socias para recoller suxestións co obxectivo de seguir mellorando o centro e avanzaron que se está a traballar na organización dunha excursión da que se dará información máis adiante.
Tras o xantar, a xornada continuou cunha parte lúdica na que o DJ local Michel foi o encargado de animar o baile, co que moitos dos asistentes puxeron fin ao encontro de convivencia.