Preséntanse en Monforte as actividades de concienciación que se levarán a cabo o 25N

RibeiraSacraXa
Preséntanse no concello de Monforte de Lemos as actividades de concienciación que se levarán a cabo este 25 de novembro
monforte violencia xenero
monforte violencia xenero
22 nov 2022

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, a 1ª tenente de alcalde, Gloria Prada, a concelleira de Cultura, Marina Doutón, a concelleira de Sanidade, Pilar Espinosa e o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, deu a coñecer os actos que o Concello organiza, a través do Centro de Información á Muller (CIM), co gallo do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

“Un ano mais o Concello vai celebrar o 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, porque creo que é unha lacra a que todos debemos contribuír para sacar das nosas vidas. Co número de persoas, que polo simple feito de ser mulleres, están sendo asasinadas ou recibindo malos tratos, como sociedade no podemos quedarnos quietos sen facer nada. E iso é o que busca esta campaña, que manteñamos o paso firme contra esta lacra as 24 horas dos 365 días do ano”, asegurou o rexedor monfortino.

A presentación do programa tivo lugar nun dos pasos de peóns próximos á Casa Consistorial, na praza Campo de San Antonio, pois unha das principais novidades postas en marcha polo Concello para este ano, é a inscrición de mensaxes de sensibilización sobre a violencia de xénero tanto en pasos de peóns da cidade como en sinais colocadas nas entradas de Monforte.

Neste aspecto, José Tomé subliña que “con esta acción novidosa, denominada Con paso firme contra a violencia de xénero, que é o lema que puxemos nos pasos de cebra e entradas da cidade, Monforte fai un chamamento á unión e implicación de todas as monfortinas e monfortinos para seguir avanzando na loita contra a violencia machista”.

En concreto, a Concellería de Muller e Igualdade levará esta campaña á rúa a través de mensaxes de sensibilización sobre a violencia de xénero en 12 pasos de peóns e 5 sinais de acceso á cidade.

Os lugares onde se situarán as sinais serán a rúa Morin (zona de Ribasaltas), a rúa Chantada (zona do Ceminterio), a rúa Reboredo (zona acceso Polígono Industrial), a rúa Benito Vicetto (preto do supermercado e estación de servizo) e a rúa Ourense (zona invernadoiros).

E os 12 pasos de peóns incluídos na campaña están na rúa Chantada (fronte a zona supermercados), na Avenida Galicia (fronte tenda), na Praza Compañía (fronte a tenda), na Ronda Emilia Casas Baamonde (fronte Conservatorio Municipal), na Avenida de Galicia (fronte estación de servicio), na rúa Roberto Baamonde (fronte a oficina telefonía), na Avenida Galicia (fronte entidade bancaria), na Praza Campo San Antonio (fronte Concello entrada Policía Local), na Praza Compañía (fronte tenda), na rúa Doutor Casares (cruce con R/ San Pedro e Ronda Emilia Casas Baamonde), na rúa Roberto Baamonde (fronte oficina de telefonía), e na rúa San Pedro (fronte Estación autobuses).

Ademais, o alcalde tamén convidou a todos os axentes sociais e económicos do municipio a participar un ano máis na campaña de sensibilización En Negro contra as Violencias. “Baixo o lema Monforte en Negro, un ano máis vestiremos de negro Monforte porque creemos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres”.

A campaña promovida dende o Concello coloca pancartas conmemorativas no edificio do Concello, no Centro Cívico e na avenida de Galicia, que estará dispoñible dende xa e se estenderá ata o mércores 30 de novembro.

Ó igual que os últimos anos, levarase a cabo a proxección sobre a Torre da Homenaxe do lema da campaña, que terá lugar o propio día 25 de novembro dende as 18.30 horas ata as 00.00, para concienciar a toda a cidadanía en contra das violencias.

Tamén, ó igual que en 2020 e 2021, instalarase un vinilo específico desta campaña no Bus Urbano do Concello, para aumentar así a visibilidade e a forza da mensaxe que se quere transmitir.

En canto ó resto de actividades que que se desenvolverán arredor do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o propio 25 de novembro terá lugar a Lectura do Manifesto na Praza do Concello, que será lido pola concelleira de Muller e Igualdade. Esta acción contará coa presenza do alumnado dos centros educativos da localidade, que poderán deixar as súas mensaxes de repulsa nunha urna facilitada polo Concello.

E terán lugar tamén varias actividades nos centros educativos de primaria e secundaria coma o escape room Reixeita o maltrato, dirixido ao alumnado de terceiro de ESO que estará nos seguintes centros: hoxe 22 novembro no IES A Pinguela en horario de 9.35 a 11.15 horas e no IES Daviña Rey de 12.35 horas a 14.15, o mércores 23 novembro no CPR PP. Escolapios (en horario de 8.45 a 10.25 horas para os alumnos de  3ºA e de 10.45 a 12.25 para os de 3ºB) e por último, o xoves 24 novembro estará no CPR Ferroviario de 9.00 a 10.40 h e no CPR Fundación Torre de Lemos de 11.45 a 13.25 horas.

Haberá tamén un xogo interactivo dirixido ó alumnado de 6º de educación primaria e levado a cabo por profesionais do Traballo Social con  especialización en xénero e igualdade e con experiencia en xestión de grupos. A distribución das sesións será a seguinte: o xoves 24 novembro estarán no  CPR PP. Escolapios en horario de 9.20  a 11.20 horas para os alumnos de  6ºA e de 11.30 a 13.30 para os de 6ºB e o luns 28 novembro no CEIP A Gándara de 10.05 a 12:05 e no CEE Infanta Elena de 10.05 a 12.05 horas.

Estará dispoñible tamén un curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas que se desenvolverá hoxe martes 22 e o martes 29  de novembro no Centro Cívico Social de 16.00 a 20.00 horas. As mulleres interesadas deberán inscribirse no CIM.

E por último, con motivo do 25N terá lugar este xoves 24 de novembro a representación da obra de teatro 1888. A Señorita Xulia, da Compañía Estudo Momento.

Esta representación incluída no circuíto da Rede Galega de Teatro terá lugar ás 20.15 horas no Salón de Actos do Edificio Multiusos. O custo da entrada é de 5 euros para persoas adultas e 3 euros para persoas desempregadas e xubiladas.

José Tomé rematou a súa comparecencia desexando “que este programa sirva, minimamente, pero que sirva para ir eliminando esta lacra que é a violencia de xénero contra as mulleres.”

Programa 25N 2022 Concello de Monforte