Presentado o Festival Atlántica, que percorrerá a provincia de Lugo cunha ampla participación de colectivos

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A XIV edición aposta por levar a narración oral a espazos patrimoniais e naturais de toda a provincia cunha programación que combina memoria, cultura e territorio
Presentación-Festival-Atlántica-Lugo-26
22 Jun 2026

Presentouse en Lugo o XIV Festival Atlántica, que volverá ter unha presenza destacada na provincia de Lugo nunha edición marcada pola implicación da sociedade civil e pola colaboración de ata quince asociacións e colectivos que fan posible unha estreita conexión co territorio.

O festival conta co financiamento da Deputación de Lugo e continuará a súa aposta por achegar a narración oral aos distintos concellos galegos, cunha programación que pon en valor a memoria colectiva, o patrimonio histórico e a riqueza paisaxística do interior de Galicia.

Na presentación participaron a deputada provincial de Cultura, Patrimonio Histórico-Artístico e Normalización Lingüística, Iria Castro; o presidente da Fundación Eira, Xosé Salvadores; o presidente de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Manuel Muñiz; o secretario xeral de ADEGA, Froilán Pallín; e a directora do festival, Soledad Felloza.

Felloza explicou que Lugo será a segunda provincia con maior presenza nesta edición e salientou o papel clave da participación cidadá, con ata quince entidades colaboradoras que permiten levar as historias a espazos singulares e vinculados ao traballo comunitario e á conservación do patrimonio.

Grazas a esta colaboración, as actividades do festival desenvolveranse en enclaves como a Torre de Castroverde, a Ermida de Santo Estevo do Ermo, o Castro de San Lourenzo de Cereixa, o Cuartel Vello de Taboada, a igrexa de San Pedro de Bembibre, os Fornos de Cal, a Aula Verde de Barreiros, a Alameda da Fonsagrada, o Courel ou o roteiro arqueolóxico da Liga Santaballesa, entre outros espazos.

A programación incluirá tamén propostas destacadas como A viaxe feliz de Ramón San Fiz, de Inacio Vilariño, no marco do Ano Otero Pedrayo, así como actividades familiares, contos, música e espectáculos de narración oral en distintos concellos da provincia.

Entre as citas previstas destacan as propostas de Pakolas e Celso Fernández Sanmartín na Fonsagrada, as sesións de José Luis Gutiérrez “Don Guti” en Castroverde, as actividades familiares de Hugo Fachal en Barreiros ou os contos de Quico Cadaval, entre outras moitas iniciativas repartidas polo territorio.

A organización destacou que o festival reafirma a súa vocación de levar a narración oral a todos os recunchos do país e de poñer en valor as historias como parte esencial da identidade cultural galega, nun proxecto no que a colaboración da sociedade civil resulta fundamental para crear unha relación viva entre cultura e territorio.

0.12722206115723