Presentada a XX edición do Certame de Investigación Condado de Pallares con premio de 4.000 euros

GaliciaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa
O prazo para presentar traballos sobre patrimonio, historia ou cultura dos municipios participantes permanecerá aberto ata o 30 de setembro
Presentación-investigación-Condado-Pallares-2026
18 Jun 2026

A vixésima edición do Certame de Investigación Condado de Pallares foi presentada nun acto no que participaron, entre outros, o delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e o presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Carlos Vázquez, entidade organizadora da iniciativa que conta co apoio do Goberno galego.

A convocatoria está dirixida a traballos de investigación orixinais e inéditos en lingua galega centrados en ámbitos como a lingüística, a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, a etnografía ou o folclore. Os estudos deberán estar vinculados ao territorio dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.

O prazo para a presentación dos traballos permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro.

Durante a presentación, Alfonso Villares destacou a achega realizada polo certame ao longo das súas vinte edicións, subliñando a súa contribución ao coñecemento da historia e do patrimonio destes municipios, así como á análise da súa relación con outras zonas do territorio.

O xurado encargado de avaliar os traballos estará integrado polos profesores da Facultade de Humanidades Carlos Baliñas Pérez e Gonzalo Fernández Suárez, ademais do investigador Fernando Arribas Arias, coa asistencia do secretario da asociación convocante, Eduardo Fernández Ares.

O certame establece un premio de 4.000 euros para a obra gañadora, ademais da súa publicación, unha iniciativa na que colabora a Secretaría Xeral da Lingua.

Así mesmo, durante a primeira semana de xullo está prevista a presentación da obra de Ángeles Verea Castelo titulada A explotación de arxila e a súa transformación nas terras do Condado de Pallares. Tamén se atopa en fase de elaboración o traballo de Alexandre Varela Rubín Os anos de transición á democracia na comarca de Chantada (1973-1983), correspondentes ás edicións de 2024 e 2025, respectivamente.

0.14370107650757