Por Chantada renova a súa Coordinadora e marca como horizonte as municipais de 2027

A agrupación Por Chantada – Interior Galego Vivo vén de renovar a súa Coordinadora, o órgano encargado de impulsar o traballo político e organizativo da formación entre asembleas. A nova equipa tomou posesión o pasado 28 de xuño e será a responsábel de coordinar o día a día da organización coa vista posta nas eleccións municipais de maio de 2027.
A Coordinadora está composta por dezaseis persoas, combinando experiencia e renovación, con perfís profesionais, idades e traxectorias diversas. Segundo destaca a formación, esta pluralidade constitúe unha das súas principais fortalezas e responde ao carácter aberto, veciñal e independente do proxecto.
No primeiro encontro de traballo analizáronse distintas preocupacións da cidadanía de Chantada, entre as que se inclúen o acceso á vivenda, a falta de transporte público, a deterioración da sanidade pública, as dificultades de inclusión social, o abandono das parroquias, a perda de servizos e os retos derivados da transición enerxética e da defensa do territorio.
A reunión serviu tamén para definir liñas estratéxicas de cara aos próximos meses, tanto no ámbito da comunicación como na construción dunha maioría social que permita abrir unha nova etapa no Concello.
Ademais, Por Chantada traballa xa na organización da III Universidade Popular, prevista para o mes de setembro, e das II Xornadas da Comunidade, que se celebrarán en febreiro de 2027. Con estas iniciativas, a formación busca promover espazos de reflexión, formación e participación cidadá máis alá da actividade institucional.
A organización lembra que leva doce anos de presenza no municipio e destaca o crecemento do proxecto grazas á implicación de persoas de distintos ámbitos que participan de forma voluntaria.
“Estamos moi satisfeitos de poder contar cun grupo de persoas comprometidas que dedica tempo e esforzo, de maneira totalmente altruísta, para que este movemento viciñal continúe medrando. Somos unha organización independente, sen tutelas nen dependencias, construída desde abaixo e con vocación de servizo público. O noso obxectivo é seguir consolidándonos como a ferramenta que permita facer realidade a mudanza que Chantada precisa”, afirma Antom Fente.
Por Chantada conclúe reafirmando o seu compromiso cun modelo político baseado na honestidade, o rigor e o traballo constante, e convida á veciñanza a participar nun proxecto que definen como “aberto, plural e construído sempre a favor de Chantada”.