Por Chantada reclama explicacións polos cortes de luz e esixe medidas urxentes tras varias interrupcións do servizo

Por Chantada – Interior Galego Vivo vén de rexistrar escritos tanto no Concello de Chantada como na consellaría competente en materia de Industria e Enerxía para reclamar explicacións e medidas correctoras tras os cortes no fornecemento eléctrico rexistrados os días 11, 12, 14 e 15 de xuño.
Segundo sinala a organización, estas incidencias afectaron ás 36 parroquias do municipio ata o 15 de xuño de 2026 e provocaron interrupcións do subministro que impactaron en milleiros de persoas, deixando sen electricidade durante horas vivendas, explotacións agrogandeiras, comercios, empresas e servizos esenciais.
A formación afirma que ambas as avarías afectaron á mesma liña de distribución e aos mesmos sectores da poboación, acumulando máis de nove horas sen servizo en menos dunha semana.
Por Chantada considera “inaceptábel” que se produza unha situación deste tipo sen que exista unha explicación detallada sobre as causas das incidencias, os investimentos realizados na rede eléctrica e as medidas previstas para evitar novos episodios.
A organización lembra que tras o primeiro corte xa rexistrara unha solicitude dirixida ao Concello para que realizase xestións ante a empresa distribuidora e as administracións competentes, e sinala que non ten constancia de resposta nin de información pública por parte do goberno municipal.
A segunda interrupción, de maior duración, é interpretada pola formación como un indicio de que non se trata dunha incidencia illada, senón dun problema que require actuacións e explicacións inmediatas.
Por este motivo, solicita á Xunta de Galicia que investigue as causas dos cortes, avalíe o cumprimento dos estándares de calidade esixidos á empresa distribuidora, informe sobre os investimentos na rede eléctrica que dá servizo a Chantada e determine se existen deficiencias estruturais ou de mantemento.
Tamén reclama ao Concello de Chantada que exerza unha “defensa activa” dos intereses da veciñanza afectada, solicitando información á empresa distribuidora e trasladando á cidadanía as xestións realizadas.
A formación subliña que a situación resulta especialmente preocupante nun concello que, segundo indica, é un dos principais produtores de enerxía eléctrica do país. Neste sentido, lembra a presenza de infraestruturas como os encoros de Belesar e Os Peares, o aproveitamento hidroeléctrico de Tarrío, liñas de evacuación de parques eólicos e os parques Serra do Faro I e II, ao tempo que denuncia a persistencia de problemas de subministración.
Por Chantada insiste en que os servizos básicos son fundamentais para garantir a calidade de vida e o desenvolvemento económico do municipio, e reclama un reforzo dos investimentos na rede eléctrica e un maior control sobre o cumprimento das obrigas das empresas concesionarias.
A organización lembra que as persoas que sufriron danos poden presentar reclamacións a través do procedemento IN635A da sede electrónica da Xunta de Galicia, vinculado ás compensacións pola calidade do servizo eléctrico segundo o Real Decreto 1955/2000.
Non obstante, indica que estas compensacións non inclúen danos e perdas, que deben reclamarse por outras vías, como a xudicial ou a través das aseguradoras no caso de contar con pólizas de fogar.
Entre as recomendacións, a formación propón conservar facturas e xustificantes, fotografar os danos sufridos en alimentos ou electrodomésticos, solicitar informes técnicos cando sexa necesario, presentar reclamacións ante as empresas subministradoras e informarse nos servizos de consumo sobre posibles compensacións.
Por Chantada conclúe que continuará fiscalizando a actuación das administracións e da empresa distribuidora ata esclarecer os feitos e garantir medidas que eviten novos cortes. “A cidadanía de Chantada ten dereito a saber por que se produciron estes cortes, quen é responsable e que garantías existen de que non volverán repetirse. Porque producir enerxía para medio país non pode significar resignarse a vivir con servizos propios dun territorio de segunda”, sinala o voceiro, Antom Fente.