Por Chantada reclama ao Goberno municipal que actúe fronte aos proxectos de baterías de Belesar I e II

O grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo presentará no Pleno ordinario do vindeiro 28 de maio unha moción na que solicita que o Concello adopte medidas en relación cos proxectos industriais de baterías GRX Belesar I (PB 13/2025) e GRX Belesar II (PB 14/2025), previstos na parroquia de Pesqueiras.
A formación asegura que esta proposta se enmarca nun traballo continuado arredor destes proxectos, que inclúe a presentación de alegacións técnicas e xurídicas, escritos dirixidos ao Concello e labores de información e acompañamento á veciñanza afectada.
Segundo o grupo, durante o período de exposición pública solicitouse ao goberno local a elaboración de informes técnicos sobre a compatibilidade urbanística, o impacto nas infraestruturas municipais, a afección aos núcleos habitados e a súa adecuación ao PXOU de 1985. Porén, critican que o executivo municipal non presentou alegacións nin abriu ningún expediente técnico, unha situación que consideran unha mostra de inacción institucional.
Por Chantada compara esta situación coa doutros municipios nos que, segundo sinalan, si se elaboraron informes que permitiron cuestionar proxectos semellantes, e advirten de que a ausencia de intervención deixa á veciñanza sen apoio administrativo directo.
A moción que se someterá a debate propón tres medidas principais: a reprobación da actuación do goberno local por non activar informes técnicos durante o proceso de alegacións, a apertura dun expediente para contratar asistencia técnica especializada que avalíe os impactos dos proxectos e a posta a disposición da cidadanía do asesoramento derivado destes traballos.
Desde o grupo municipal insisten en que a súa actuación non responde a unha iniciativa puntual, senón a un traballo máis amplo de seguimento dos proxectos, no que inclúen tamén a difusión pública da información e a colaboración coa veciñanza.
Antom Fente, voceiro de Por Chantada – Interior Galego Vivo, defende que o debate vai máis alá da posición sobre a transición enerxética e céntrase na forma de desenvolver estes proxectos e na participación pública no proceso.
“O debate non é só estar a favor ou en contra da transición enerxética, senón como se fai, para quen se fai e quen asume os custos”, sinalan desde o grupo, que engade que proxectos destas características deben ser avaliados con rigor e transparencia. Fente critica duramente o papel do goberno local e reclama unha postura activa das administración. “Un concello non está para facer de espectador nin de comercial das empresas, está para defender o interese xeral, avaliar os impactos e acompañar á veciñanza. Iso é o mínimo que se lle debe ás persoas que viven e sosteñen o territorio”, asegura o voceiro.