Por Chantada propón un plan para recuperar os muíños e o patrimonio da auga no concello

RibeiraSacraXa
A iniciativa, que se levará ao pleno, busca inventariar e protexer máis de cen elementos tradicionais ante o seu progresivo abandono
Foto do lugar de Sernande antes de ser anegado pola presa dos Peares - IGV
Foto do lugar de Sernande antes de ser anegado pola presa dos Peares - IGV
15 Jun 2026

Por Chantada – Interior Galego Vivo presentou unha moción que se debaterá no próximo pleno municipal coa que propón poñer en marcha un plan específico para a recuperación e posta en valor dos muíños e outras industrias tradicionais da auga existentes no concello.

A iniciativa parte da necesidade de frear o deterioro deste patrimonio, que a formación considera afectado por décadas de abandono. Segundo a proposta, en Chantada téñense documentados máis de cen muíños, dos cales unha parte significativa xa desapareceron ou presentan un estado de conservación moi deficiente.

A formación lembra ademais que o informe de ICOMOS no marco da candidatura da Ribeira Sacra á UNESCO sinalou precisamente o abandono dos elementos vinculados á cultura da auga como unha das principais eivas detectadas, unha cuestión que afecta directamente a muíños, batáns, fábricas da luz e outras infraestruturas tradicionais.

Neste contexto, Por Chantada propón a elaboración dun inventario e catálogo municipal destes bens, a súa protección urbanística, a posta en marcha dun plan de recuperación progresiva e a creación de roteiros patrimoniais que permitan a súa divulgación e posta en valor desde unha perspectiva cultural e turística.

A formación subliña que estes elementos forman parte esencial da paisaxe histórica da Ribeira Sacra e considera necesario pasar das iniciativas de carácter promocional a actuacións concretas de conservación. Tamén critica a falta de catalogación efectiva destes bens nos instrumentos urbanísticos vixentes no municipio.

O grupo municipal espera que a proposta conte co apoio do resto da corporación para iniciar unha política activa de protección deste patrimonio, que considera clave para a identidade cultural e histórica de Chantada.

0.10794305801392