Por Chantada propón rebautizar o Parque das Piscinas en homenaxe a Mirtha Castiñeiras

O grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo rexistrou unha moción no Concello de Chantada para solicitar que o actual Parque das Piscinas pase a denominarse Parque Mirtha Castiñeiras, en homenaxe á traxectoria desta pediatra, que desenvolveu a súa labor profesional no municipio durante 39 anos.
Segundo explica a formación, Castiñeiras atendeu a varias xeracións de nenos e nenas en Chantada, acompañando tamén as súas familias durante esa etapa clave do desenvolvemento infantil. A súa maneira de exercer a profesión, marcada pola proximidade, a constancia e o compromiso coa saúde da infancia, é un dos aspectos que Por Chantada destaca especialmente no texto da moción.
O grupo municipal subliña que non se trata unicamente de poñer en valor a súa competencia como sanitaria, senón tamén a súa forma de entender a pediatría: un seguimento continuado da evolución dos menores, unha comunicación fluída coas familias, a derivación a especialistas cando era necesario e unha actualización constante dos seus coñecementos médicos. Para a formación, este conxunto de factores xustifica un recoñecemento público.
A moción lembra, ademais, que Chantada xa conta con outros espazos e rúas que renden homenaxe a figuras vinculadas ao ámbito sanitario, como as rúas ‘Doutor Fleming’ e ‘Mariano Cedrón’, ou o parque ‘Eloísa Rivadulla’. Precisamente con este último, o texto establece un paralelismo, ao tratarse tamén do recoñecemento a unha traxectoria ligada á atención sanitaria da infancia no municipio.
O concelleiro Xavier Viana Álvarez sinalou que “hai persoas que forman parte da memoria colectiva dunha vila polo que fixeron, pero tamén pola maneira en que o fixeron”, engadindo que Castiñeiras “acompañou varias xeracións de familias chantadinas e contribuíu, co seu traballo diario, para o benestar de toda a comunidade”.
A elección do Parque das Piscinas como escenario para esta homenaxe non é casual, segundo indica a moción: trátase dun espazo público de encontro, frecuentado habitualmente por nenos e nenas, o que permitiría vincular a memoria da pediatra coa infancia e coa relevancia da atención primaria pediátrica, un servizo que, lembra o grupo municipal, non sempre estivo garantido na localidade e polo que en distintas ocasións foi necesario mobilizarse.
A proposta que se levará ao Pleno inclúe tres acordos concretos: dar o nome de Parque Mirtha Castiñeiras ao actual Parque das Piscinas; tramitar os procedementos administrativos necesarios para formalizar ese cambio de denominación; e facer pública a nova denominación, instalando unha placa no propio parque.
Por Chantada aspira a que a iniciativa reciba o apoio unánime da Corporación municipal. Neste sentido, Viana concluíu que “non estamos perante unha proposta partidaria, mais perante unha oportunidade para que o Concello, como institución que representa a toda a veciñanza, recoñeza unha traxectoria profesional e humana que forma parte da historia recente de Chantada”.