Por Chantada presenta novas alegacións contra un proxecto de baterías en Pesqueiras, San Fiz e Merlán

A formación Por Chantada – Interior Galego Vivo rexistrou alegacións contra o proxecto BESS Belesar, unha nova instalación de almacenamento enerxético mediante baterías prevista no concello de Chantada. Segundo explican, esta actuación súmase á oposición que veñen mantendo fronte á implantación de grandes infraestruturas enerxéticas na zona sen respaldo social, especialmente ante a acumulación de proxectos nas parroquias de Pesqueiras, San Fiz e Merlán, un territorio que, lembran, xa se viu afectado historicamente polo encoro de Belesar e polas liñas de alta tensión.
As alegacións presentadas cuestionan a localización escollida para a instalación, os riscos derivados das baterías de ión-litio, a súa proximidade a vivendas, cursos de auga e captacións, así como o posible impacto ambiental e paisaxístico e a falta dun estudo suficiente sobre os efectos acumulativos de todos estes proxectos en conxunto. A formación reclama que se analicen alternativas reais, que se garanta a seguridade das persoas e a protección dos recursos naturais, e que non se autoricen novas instalacións sen unha avaliación rigorosa das súas consecuencias sobre o territorio.
Unha tramitación que se remonta a 2025
Por Chantada reconstruíu a cronoloxía administrativa destes expedientes municipais para situar o contexto da súa última actuación. Segundo os seus datos, o 30 de maio de 2025 a empresa promotora solicitou ao Concello un certificado ou informe urbanístico, o que indica que o goberno local tiña constancia destes proxectos máis dun ano antes de que se sometesen a información pública. O 12 de xuño dese ano asinouse a providencia para incoar o expediente e pedir os informes correspondentes, e o 2 de xullo emitiuse un informe técnico municipal que concluía que existía plena viabilidade urbanística para o desenvolvemento da instalación GRX Belesar I, proxectada na parroquia de Merlán.
A formación subliña que se trata de datas e trámites administrativos concretos, non de rumores, e lamenta que, a pesar de dispoñer desa información desde hai máis dun ano, non se trasladase á veciñanza afectada nin se explicase o alcance dos proxectos, nin se ofrecese asesoramento ás persoas cuxo territorio podería verse comprometido.
A actuación de Por Chantada
Fronte a esta situación, Por Chantada explica que o 24 de abril de 2026 solicitou formalmente que o Concello presentase alegacións durante o período de exposición pública das autorizacións dos proxectos de almacenamento mediante baterías, ao entender que correspondía ao goberno municipal defender os intereses das parroquias afectadas. Durante os meses de abril e maio de 2026, a propia formación rexistrou alegacións contra os proxectos GRX Belesar I e GRX Belesar II e contra as súas infraestruturas de evacuación, sendo, segundo afirman, a única formación política que presentou alegacións naquel momento. As novas alegacións contra BESS Belesar enmárcanse, sinalan, nesa mesma liña de traballo, que tamén incluíu reunións con veciños da parroquia de Pesqueiras.
Antecedentes na defensa do territorio
Por Chantada vincula esta actuación con outras mobilizacións anteriores relacionadas coa defensa do territorio no concello, como a oposición á liña de alta tensión do Maxal, as denuncias por vertidos ao río Enviande ou a súa implicación no caso dos proxectos Agratina e Agromaces, onde o seu labor de fiscalización e as accións legais emprendidas —incluído un procedemento contencioso— contribuíron, segundo explican, á paralización dun convenio asinado polo goberno local.
Preguntas sen resposta
A formación formula varias cuestións que considera aínda sen aclarar: por que non se informou á veciñanza desde o momento en que o Concello tivo coñecemento dos proxectos, por que non se convocaron reunións informativas nin se ofreceu asesoramento técnico e administrativo aos veciños, e que outros expedientes relacionados con infraestruturas enerxéticas poderían estar en tramitación sen coñecemento público.
Postura de fondo
O representante da formación, Antom Fente, sinalou que a transición enerxética non pode plantexarse para beneficiar as grandes empresas do sector a costa dos territorios rurais, e engadiu que non pode falarse dunha transición xusta cando os beneficios quedan en mans privadas mentres as cargas recaen sobre as comunidades rurais, nin de participación real se a veciñanza non coñece os proxectos a tempo.
Por Chantada afirma que continuará estudando os expedientes relacionados con este tipo de infraestruturas, fiscalizando a actuación municipal, informando á poboación e utilizando as vías administrativas e políticas ao seu alcance para defender os intereses do territorio.