Por Chantada pide un plan de seguranza viaria para solucionar puntos perigosos e o mal estado das estradas

RibeiraSacraXa
A formación rexistrou unha moción con quince propostas dirixidas ás diferentes administracións para mellorar a conservación e a seguranza da rede viaria do municipio
estado estradas Chantada
Foto: IGV
16 Nov 2026

O grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo rexistrou onte unha moción na que reclama medidas urxentes e planificadas para mellorar a seguranza nas estradas que atravesan o termo municipal. O texto sinala varios tramos que considera especialmente perigosos e critica a falta de mantemento que, segundo denuncia, se foi acumulando ao longo dos anos en vías pertencentes a distintas administracións.

Para esta formación, construír ou mellorar infraestruturas viarias serve de pouco se non vai acompañado dun mantemento constante e suficiente. O concelleiro Xavier Viana defendeu que non se pode asumir como normal que circular por determinadas estradas supoña correr riscos que poderían evitarse cunha sinalización axeitada, labores de conservación ou medidas de protección.

A moción detalla algúns dos puntos que preocupan ao grupo municipal. Na CG-2.1, no tramo entre a rotonda de O Lemos e a saída de Mundín, alértase do mal estado dos valados que deberían impedir a entrada de animais salvaxes á vía, ademais dos problemas derivados da vexetación e da caída de pólas e árbores. Na LU-533, entre a ponte do Miño e o cruce de Ponte Meixide, apúntase tamén ao risco que supoñen as árbores situadas nas marxes da estrada.

Outro dos puntos sinalados é a coñecida como curva dos Cipreses, no cruce da LU-533 coa antiga LU-617. Por Chantada pide que se estude o risco que supón a incorporación de vehículos procedentes desa vía antiga á LU-533 en dirección a Chantada, nun tramo onde o límite de velocidade é de 80 km/h e onde as curvas reducen a visibilidade.

A formación tamén reclama actuar no cruce de O Seixo, entre as estradas LU-P-1807 e LU-P-1805, pola escasa visibilidade que teñen os vehículos que acceden desde esta última. Lembra ademais que a Corporación municipal xa aprobou por unanimidade, en outubro de 2024, unha iniciativa deste mesmo grupo para pedir á Deputación de Lugo que ampliase a curva de O Seixo, en Sangoñedo.

Alén destes puntos concretos, a moción propón revisar o estado das barreiras metálicas de seguridade instaladas nas estradas, reparando ou substituíndo as que estean deterioradas e comprobando que cumpren coa normativa vixente. Tamén pide un programa de limpeza e mantemento das gabias, tanto nas vías provinciais e autonómicas como nas municipais, xa que unhas gabias en bo estado facilitan a evacuación da auga da chuvia, reducen o risco de formación de xeo e de hidroplaneo, e axudan a conservar mellor o firme.

A reparación das fochancas é outro dos asuntos que inclúe a moción. Por Chantada solicita ao Goberno central que acometa unha reparación integral do firme da N-540 ao seu paso por Chantada, ao considerar insuficientes as actuacións levadas a cabo nos últimos meses, e pide tamén que o Concello e a Deputación interveñan nas estradas da súa competencia que presentan deficiencias.

O grupo municipal cuestiona así mesmo o uso de pedrullo para tapar fochancas, tal e como aconteceu recentemente na LU-P-1807. Ao seu xuízo, este tipo de parches teñen unha durabilidade moi limitada e poden aumentar a inseguranza na vía, sobre todo en tramos con curvas e pendentes polos que circulan vehículos pesados, como camións do leite, da madeira ou mixtos. Por este motivo, pide retirar o material que aínda queda na estrada e que a Deputación deixe de recorrer a este sistema nas vías provinciais do municipio.

Quince propostas e unha chamada ao consenso

En total, a moción recolle quince acordos dirixidos a que cada administración actúe dentro das súas competencias: a Axencia Galega de Infraestruturas, os servizos provinciais da Xunta, a Deputación de Lugo, o Goberno central e o Concello de Chantada.

Por Chantada aspira a que a iniciativa saia adiante co respaldo de toda a Corporación, ao entender que a seguranza de quen circula por estas estradas debería situarse por riba das diferenzas políticas. “A veciñanza non pode quedar atrapada nunha disputa sobre de quen é cada estrada. O Concello debe exercer tamén un papel activo, reclamando ás administracións titulares as actuacións necesarias e atendendo as deficiencias das vías municipais”, defendeu o concelleiro Xavier Viana.

O grupo municipal insiste en que as actuacións non deberían limitarse a reparacións puntuais ou a intervencións motivadas por accidentes, senón avanzar cara a unha avaliación de riscos e un mantemento programado de toda a rede viaria. Para esta formación, contar con estradas seguras é unha responsabilidade pública básica e unha condición necesaria para a mobilidade, a actividade económica e a calidade de vida da poboación de Chantada e das súas parroquias.

0.14852499961853