Por Chantada pide máis controis e transparencia sobre a calidade da auga de consumo

A formación Por Chantada solicitou información e garantías adicionais sobre a calidade da auga de consumo no municipio, tras coñecerse o resultado dunha análise realizada sobre unha mostra recollida o pasado 16 de novembro na rúa Ribeira Sacra. O informe, emitido o día 20 polo Laboratorio de Análise de Augas do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, concluíu que a mostra non era apta para o consumo humano, ao presentar determinados parámetros fisicoquímicos fóra dos valores estabelecidos no Real Decreto 3/2023.
A raíz deste resultado, Por Chantada dirixiuse tanto ao Concello de Chantada como á Consellaría de Sanidade para pedir actuacións áxiles. Porén, a propia formación matiza que se trata da análise dunha mostra puntual, que non permite por si soa afirmar que toda a rede municipal presente problemas, nin determinar a orixe das alteracións detectadas. Precisamente por iso, consideran necesario que se realicen comprobacións oficiais e independentes que despexen calquera dúbida.
A iniciativa tamén ten en conta un antecedente: un resultado analítico desfavorábel rexistrado en novembro de 2025. A isto súmase que, segundo indican, o último dato publicado no taboleiro municipal ao que puideron acceder correspondía a setembro de 2026, o que reforza, ao seu xuízo, a necesidade de dispor de información actualizada, accesíbel e continuada sobre o estado da auga.
Entre as peticións trasladadas figuran a realización de novas tomas de mostras por persoal ou entidades competentes, con garantías de independencia e trazabilidade; unha análise completa dos parámetros microbiolóxicos e químicos correspondentes; a comprobación dos resultados desfavorábeis e, se procede, a investigación das súas posibles causas; e información detallada sobre os controis que realiza o Concello, a súa frecuencia e os resultados obtidos.
Tamén solicitan acceso ao Plan Sanitario da Auga, aos rexistros de autocontrol e á documentación relativa á vixilancia da calidade, así como a publicación periódica dos resultados analíticos e das medidas correctoras que, de ser o caso, se adopten.
A veciñanza, segundo recolle o comunicado, vén manifestando a súa preocupación pola cor que presenta a auga durante varios días en diferentes semanas, unha circunstancia que podería estar relacionada coa necesidade dun mellor filtrado por parte da empresa Veolia, encargada do servizo.
Por Chantada insiste en que a calidade da auga de consumo é unha cuestión de saúde pública que debe abordarse con rigor e transparencia, sen xerar alarma innecesaria, pero garantindo que a veciñanza conte con información contrastada, especialmente tendo en conta que o custo do servizo se actualiza cada ano conforme ao IPC.