Por Chantada pide declarar a romaría tradicional do Corpo Santo como Ben de Interese Cultural

O grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo levará ao próximo pleno do Concello de Chantada unha moción na que solicita instar á Xunta de Galicia a declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a romaría tradicional do Corpo Santo, que se celebra nas parroquias de Santa Cruz de Viana e Santa Uxía de Asma, así como ao conxunto de rituais e prácticas relixiosas e simbólicas asociadas a esta manifestación.
A formación considera que se trata dunha expresión cultural de especial relevancia, ao integrar un sistema ritual complexo vencellado ao ciclo anual e á relación da comunidade co territorio, no que conflúen elementos relixiosos, festivos e de tradición popular.
A romaría do Corpo Santo, que ten lugar no contexto da Pascua, mantén distintos elementos de carácter simbólico e histórico. Entre eles, destaca a procesión entre Santa Cruz de Viana e Santa Uxía de Asma, así como o encontro entre o Corpo Santo e Santa Uxía baixo un arco floral, un acto que a proposta interpreta como ligado a antigas celebracións da primavera de tradición europea.
Tamén forman parte da celebración as chamadas “tres venias” e os actos de acompañamento entre as figuras relixiosas, que simbolizan a relación entre ambas parroquias.
Xunto a estes rituais, sobreviven prácticas de carácter popular como o uso simbólico da terra do sepulcro do Corpo Santo ou a utilización da denominada “Fonte do Santo”, elementos que evidencian a mestura entre a tradición católica e crenzas populares asociadas á natureza.
Neste sentido, o concelleiro Antom Fente sinala que “estamos ante un dos poucos cultos vivos na Galiza onde aínda se mantén unha relación directa coa terra como elemento simbólico e curativo, o que lle outorga un valor etnográfico e antropolóxico extraordinario”.
A moción tamén pon o foco nas dificultades que atravesa esta celebración, sinalando factores como o envellecemento da poboación, os cambios no medio rural e a falta de medidas específicas de protección e transmisión.
Segundo a formación, esta situación pode comprometer a continuidade da romaría se non se adoptan actuacións de valorización e salvagarda, ao tratarse dunha práctica que depende en boa medida da transmisión interxeracional.
O grupo municipal propón que o Concello de Chantada asuma un papel de mediación entre a veciñanza das parroquias implicadas e a Xunta de Galicia para iniciar o procedemento de declaración como Ben de Interese Cultural.
Entre os acordos incluídos na moción figura a solicitude formal á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a elaboración da documentación técnica e gráfica necesaria para sustentar o expediente.
Segundo o concelleiro e antropólogo Xavier Viana Álvarez, esta figura de protección permitiría “xerarquizar e priorizar as medidas de salvagarda, garantindo a súa preservación e transmisión ás xeracións futuras”.
Por Chantada – Interior Galego Vivo agarda que a proposta conte co apoio do conxunto da corporación municipal, ao considerar que se trata dunha cuestión de patrimonio cultural allea á confrontación partidaria.
A formación conclúe que a protección desta romaría supón “un compromiso co noso pasado, co noso presente e co noso futuro”, así como un recoñecemento ao legado das parroquias do Val do Asma.