Por Chantada lamenta o rexeitamento da súa moción para impulsar políticas municipais de inclusión

RibeiraSacraXa
A formación asegura que buscou un acordo unánime con medidas de mínimos e critica o ton empregado polo goberno local durante o debate plenario
Coordinadora_Por-Chantada
28 Jul 2026

Por Chantada expresou o seu malestar tras o pleno municipal no que se debateu a moción presentada pola formación para impulsar medidas que favorezan a inclusión da veciñanza migrante no municipio. A iniciativa pretendía promover actuacións municipais que facilitasen a integración social deste colectivo e, segundo a concelleira F. Montes, respondía á realidade dunha poboación cada vez máis diversa.

A edil sinalou que as persoas de distintas orixes representan unha parte importante da veciñanza e defendeu que as administracións teñen a responsabilidade de desenvolver políticas que axuden a afrontar as dificultades derivadas dos procesos migratorios e da integración na sociedade de acollida.

Desde Por Chantada aseguran que a proposta foi presentada "coa máxima xenerosidade", priorizando a aprobación dun texto de consenso antes que a inclusión da totalidade das medidas previstas. Segundo explicou Montes, a formación xa adiantara que aceptaría emendas ou incluso reducir o contido da moción se iso permitía unha aprobación unánime que transmitise unha mensaxe de unidade institucional e reforzase a imaxe de Chantada como unha vila acolledora.

A agrupación asegura que o Partido Socialista mostrou unha actitude favorable e "respectuosa", mentres que critica o comportamento do grupo de goberno, ao que acusa de manter unha postura marcada polo enfado e por empregar expresións que, ao seu xuízo, impediron un debate construtivo. Neste sentido, a concelleira lamentou que a moción, que cualificou de "conciliadora", recibise unha resposta que considera desproporcionada e fixo referencia ás declaracións do alcalde durante a sesión plenaria, nas que afirmou que "a min que ninguén me diga racista ou xenófobo porque me pego de hostias con quen sexa".

Por Chantada defende que as políticas de inclusión deben comezar desde a infancia e puxo como exemplo situacións nas que menores quedan excluídos de actividades deportivas ou escolares por cuestións administrativas ou económicas. A formación considera que, aínda que estes problemas non sexan provocados directamente polo Concello, a administración local pode contribuír a reducilos mediante políticas de inclusión, actuacións de acompañamento e medidas de sensibilización que, segundo sostén, non requiren grandes investimentos, senón vontade política.

A agrupación tamén cita outras dificultades ás que se enfrontan as persoas migrantes, como as barreiras lingüísticas ou o acceso á vivenda, e advirte de que a falta de actuacións pode favorecer situacións de exclusión social e problemas de convivencia. Por Chantada sostén que a atención prestada polos servizos sociais é insuficiente como única resposta e insiste na necesidade de desenvolver políticas municipais específicas para favorecer unha integración efectiva.

0.12305212020874