Por Chantada – IGV presenta alegacións contra os proxectos Belesar I e II e critica a postura do goberno local

RibeiraSacraXa
A organización reclama “a denegación inmediata” de ambos proxectos e cuestiona a tramitación das instalacións e o seu impacto sobre o territorio das parroquias de San Fiz e Pesqueiras
Antom-Fente-Por-Chantada
28 Apr 2026

Por Chantada – Interior Galego Vivo vén de presentar un total de 18 alegacións técnicas e xurídicas contra os proxectos de baterías industriais GRX Belesar I e GRX Belesar II, nun documento de 16 páxinas no que cuestiona a tramitación das instalacións e o seu impacto sobre o territorio das parroquias de San Fiz e Pesqueiras.

Segundo sinala o grupo, trátase dun “fraccionamento artificioso” do proxecto co obxectivo de evitar unha avaliación estatal e manter a tramitación a nivel autonómico. A formación alerta de posibles riscos ambientais, de seguridade e sociais derivados destas infraestruturas, que cualifican como “territorios de sacrificio” ao servizo de intereses externos.

No seu posicionamento, a organización reclama “a denegación inmediata dos proxectos Belesar I e II, unha avaliación conxunta de todos os impactos acumulados na zona e unha mudanza radical no modelo enerxético, baseado no respecto ao territorio, no autoconsumo, na pequena escala e no beneficio social”.

Por Chantada – IGV tamén acusa ao goberno local de manter unha actitude de “complicidade” co proxecto. A formación asegura que existe unha falta de acción institucional fronte ás alegacións veciñais e critica a posición do alcalde, ao que reprochan que “vendan outra vez as parroquias”, en referencia á xestión do proxecto.

O voceiro do grupo, Antom Fente, considera que o actual modelo de desenvolvemento enerxético responde a unha lóxica allea ao territorio e afirma que o Concello prioriza os ingresos fiscais fronte á defensa do rural.

Nas alegacións, a formación recolle diversos impactos que atribúe aos proxectos, entre eles posibles riscos asociados ao almacenamento de baterías de litio, como incendios e toxicidade, a emisión de ruído industrial constante, o elevado consumo de auga ou a proximidade a núcleos de poboación e a espazos de valor patrimonial. Tamén advirten de afeccións ao entorno da Ribeira Sacra e ao patrimonio da zona, así como dunha posible repercusión sobre o solo agrario e a actividade gandeira.

Por Chantada – Interior Galego Vivo reivindica que foi o único grupo político que mostrou oposición desde a fase inicial do expediente e asegura que continuará coa súa posición contraria ao proxecto.

A formación insiste en que o seu obxectivo é “defender Chantada e as súas parroquias fronte a modelos industriais que consideran alleos ao interese da veciñanza”, ao tempo que reclaman unha revisión profunda da planificación enerxética na comarca.

0.11037802696228