Por Chantada-IGV levará ao pleno unha moción para impulsar medidas de inclusión da poboación migrante

Por Chantada–Interior Galego Vivo (IGV) presentará no próximo pleno da corporación municipal unha moción centrada na promoción da inclusión e integración da poboación migrante no municipio, unha iniciativa que a formación xustifica polo aumento experimentado nos últimos anos da veciñanza procedente doutros países.
Desde a candidatura de unidade popular consideran que este fenómeno contribuíu a configurar unha realidade social máis diversa. A concelleira Fernández Montes sinala que este incremento “xerou unha vila moito máis viva, rica e con máis oportunidades; o que non debe supoñer caer no discurso simplista que se limita a romantizar a migración, obviando as dificultades que trae consigo; nin normalizar o discurso racista cada vez máis presente”.
A formación sostén que a poboación migrante continúa ocupando con frecuencia postos de traballo máis precarios e afrontando maiores dificultades sociais. Neste sentido, consideran que a situación reproduce dinámicas históricas xa vividas por anteriores xeracións emigrantes.
A edil tamén fai referencia a casos recentes relacionados con persoas migrantes investigadas por determinados delitos, advertindo sobre o uso destas situacións para alimentar mensaxes de rexeitamento social. “De ningún xeito se pode extraer a lectura dunha maior porcentaxe absoluta -e nin sequera relativa- de criminalidade”, afirma, ao tempo que considera que este tipo de episodios facilita “o espallamento do discurso do odio e a criminalización”.
Por Chantada defende que a resposta ante situacións de exclusión debe basearse na integración e non unicamente en medidas de control. “A exclusión non se resolve con control administrativo, senón con integración real, participación e igualdade de oportunidades, que reducen o conflito, a desinformación e a vulnerabilidade”, sinala a formación.
Na argumentación da moción tamén se recollen referencias a normativa autonómica e estratexias estatais e europeas relacionadas coa inclusión social, entre elas a Lei 5/2021 de impulso demográfico de Galicia e a Lei 10/2021 de inclusión social.
Segundo expón a agrupación, “o concello de Chantada, como parte dunha sociedade diversa e en constante movemento, vén experimentando un incremento da presenza de persoas migrantes que achegan riqueza cultural, social e económica á nosa comunidade. E a inclusión plena destas persoas debe ser un obxectivo compartido polas institucións públicas”.
Entre as propostas concretas incluídas no texto figura a creación dunha Mesa Local pola Inclusión e a elaboración dun Plan Municipal de Integración que contemple medidas como facilitar a aprendizaxe da lingua galega, desenvolver accións de sensibilización sobre convivencia e integración e promover iniciativas vinculadas ao deporte.
A moción tamén propón trasladar unha queixa formal á Federación Galega de Fútbol e a outros organismos ante situacións que, segundo indican, poidan limitar a participación de menores por mor da situación administrativa das súas familias. Ademais, solicitan a contratación dunha persoa especializada en integración ou mediación intercultural.