Por Chantada denuncia o estado do miradoiro de Sernande e reclama actuacións urxentes en varios puntos do municipio

Por Chantada – Interior Galego Vivo alerta do estado de deterioro que presenta o miradoiro de Sernande, que describe como un exemplo de abandono de infraestruturas municipais financiadas con fondos públicos. Segundo sinalan, o espazo presenta “zonas completamente descalzadas e risco real de colapso estrutural”, o que supón un risco para a seguridade das persoas.
Ante esta situación, o colectivo solicita que se proceda ao peche inmediato do miradoiro ata que se acometan as actuacións necesarias para a súa restauración e se garanta a integridade física das persoas visitantes. A formación tamén pide que se actúe noutros miradoiros do municipio, como os de Líncora e Terra Branca, así como na pista municipal de acceso ao primeiro, que describen como “moi deteriorada e leva anos sen mantemento”.
Sinalan que estes miradoiros forman parte de infraestruturas turísticas que no seu momento supuxeron investimentos de miles de euros, pero que non contan cun plan de mantemento anual planificado, o que estaría provocando o seu deterioro progresivo. Así mesmo, advirten da falta de mantemento deste tipo de elementos, que inclúen acondicionamento do terreo, varandas de seguridade e sinalización, con custos que no seu momento se situaron entre os 15.000 e os 40.000 euros, segundo indican.
Por Chantada – Interior Galego Vivo enmarca esta situación no que consideran un modelo baseado na promoción turística sen un mantemento posterior adecuado, e reclama unha actuación por parte das administracións para evitar o deterioro do patrimonio e das infraestruturas do municipio.