Por Chantada critica o rexeitamento do PP á protección do Corpo Santo como Ben de Interese Cultural

A formación política Por Chantada – Interior Galego Vivo expresou o seu desacordo coa decisión adoptada polo Partido Popular no último pleno municipal de Chantada, onde foi rexeitada a moción presentada polo grupo para instar á Xunta de Galicia a iniciar o procedemento de declaración do Corpo Santo como Ben de Interese Cultural (BIC).
Desde a organización consideran que esta postura resulta difícil de comprender, especialmente nun contexto no que as diferentes administracións están a insistir na importancia de preservar e poñer en valor o patrimonio cultural vinculado á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO.
A formación sostén que o Corpo Santo constitúe unha das expresións relixiosas, históricas e culturais máis singulares non só de Chantada, senón tamén do conxunto de Galicia. Entre os elementos que destacan da celebración atópanse aspectos tradicionais como a auga, a terra ou o arco floral, elementos que, segundo sinalan, gardan relación con outras celebracións vinculadas ao ciclo da primavera, como os maios ou o Entroido Ribeirao, este último recoñecido xa como Ben de Interese Cultural.
Segundo defenden desde Por Chantada, esta tradición representa un elemento profundamente vinculado á identidade e á memoria colectiva das parroquias de Santa Cruz de Viana e Santa Uxía de Asma, así como do conxunto do val do Asma, polo que consideran que posúe un importante valor patrimonial que xustifica a súa protección institucional.
A proposta presentada no pleno pretendía impulsar un proceso orientado á conservación, investigación, promoción e transmisión desta tradición ás futuras xeracións. A formación subliña ademais que a iniciativa non supoñía un gasto económico para o Concello, senón un acordo de impulso político para solicitar á Xunta que desenvolvese as súas competencias en materia de patrimonio cultural.
Por Chantada considera tamén contraditorio que o Goberno municipal manteña un discurso de defensa da Ribeira Sacra e da súa proxección internacional mentres, ao mesmo tempo, non apoia medidas de protección para elementos patrimoniais locais. A este respecto, lembra que o informe de avaliación elaborado polo ICOMOS sobre a candidatura da Ribeira Sacra facía referencia á necesidade de reforzar a conservación e valorización do patrimonio cultural e etnográfico existente.
A formación entende que a votación evidencia dúas visións diferentes sobre a política patrimonial: unha centrada na protección efectiva dos bens culturais e outra baseada, segundo sosteñen, nunha estratexia máis orientada á comunicación institucional.
Finalmente, Por Chantada asegurou que continuará impulsando iniciativas para lograr o recoñecemento e a protección tanto do Corpo Santo como do conxunto do patrimonio material e inmaterial do municipio.