Por Chantada alerta de que un semáforo da localidade leva semanas sen deter o tráfico mentres os peóns cruzan con luz verde

Desde hai varias semanas, o único semáforo en funcionamento de Chantada non cumpre a súa función de regular o tráfico, segundo denunciou a formación Por Chantada - Interior Galego Vivo. O dispositivo, situado no cruzamento entre a Avenida de Monforte, a Rúa de Portomarín e a Avenida dos Pilos, permanece de xeito continuado en fase ámbar intermitente para os vehículos, polo que na práctica non chega a frear a circulación nun punto de paso obrigado cara ao centro de saúde da localidade.
A formación apunta que non é a primeira vez que este semáforo dá problemas. Tras pasar anos fóra de servizo, foi reparado en xullo de 2025, pero desde entón apenas funcionou con normalidade nin se axustou ao horario que no seu día anunciou o goberno municipal, segundo recolle o colectivo.
O máis preocupante, apuntan desde Por Chantada, é que esta avaría coincide no tempo coa posta en verde fixo dos pasos de peóns, o que pode inducir a erro a quen se dispón a cruzar: ao ver a luz verde, pode non reparar en que os vehículos só teñen unha sinal de advertencia e non de detención obrigatoria. O colectivo considera que este desaxuste resulta especialmente delicado para as persoas maiores, as persoas con mobilidade reducida e as familias que acoden habitualmente ao centro sanitario, nunha confluencia de catro vías cun volume de tráfico elevado.
Por Chantada encadra esta denuncia no contexto da recente actualización do Regulamento Xeral de Circulación, aprobada polo Real Decreto 518/2026 e en vigor desde o 1 de outubro. A norma, impulsada pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), establece que un semáforo non pode amosar á vez o ámbar intermitente para os vehículos e o verde fixo para os peóns, precisamente para evitar situacións de risco como a descrita. A isto súmase o disposto no artigo 158 do regulamento, que obriga aos concellos a adoptar medidas de moderación do tráfico —límites de velocidade, restricións de estacionamento ou outras semellantes— na contorna de centros escolares, sanitarios ou destinados a persoas maiores ou con discapacidade. Para o colectivo, isto implica que o propio Concello debería actuar tamén sobre as velocidades que se rexistran na Avenida de Monforte.
O colectivo asegura que xa trasladara esta incidencia en máis dunha ocasión sen que se corrixise. Por iso, reclama ao Concello de Chantada, responsábel do mantemento da sinalización luminosa da vía, que restableza canto antes o funcionamento normal do semáforo, de xeito que se axuste á normativa vixente e se eviten riscos de accidente neste punto da localidade.