Piden que se repare a estrada da rúa Deputación en Ribas de Sil
![Estrada afundida Ribas de Sil](https://ribeirasacraxa.com/wp-content/uploads/2023/02/Estrada-afundida-Ribas-de-Sil.jpg)
O PP de Ribas de Sil súmase aos veciños e veciñas en urxir ao goberno local a reparar con seguridade a estrada da rúa Deputación nun tramo que presenta afundimentos e varios buratos que supoñen un risco para os usuarios e que ademais coincide cun paso inferior dedicado á canalización de augas.
O presidente da xestora do PP local, Jose Rodríguez, advirte da existencia de "danos no interior dese túnel". O popular sinala tamén que "xa pasou algo similar fai dous anos e nese momento cubriuse o túnel con formigón, pero agora volve pasar demostrando que non era a solución".
Por iso, esixe "unha reparación que garanta a seguridade na estrada" e traslada a súa preocupación pola situación da zona tendo en conta que se trata dunha estrada moi transitada. De feito, explica que "cando pecha o paso a nivel, os vehículos pasan por esa rúa que conecta con San Román".
![Estrada afundida na rúa Deputación Ribas de Sil](https://ribeirasacraxa.com/wp-content/uploads/thumbs/2023/02/Estrada-afundida-na-rua-Deputacion-Ribas-de-Sil-200x202.jpeg)