Pereiro de Aguiar terá un papel clave no proxecto EMICOU para impulsar a mobilidade sostible cara á Ribeira Sacra

O Concello do Pereiro de Aguiar desempeñará un papel estratéxico no desenvolvemento de EMICOU (Estratexia de Mobilidade Intelixente Conectada de Ourense), un proxecto presentado esta semana en colaboración con AJE Ourense e Mobify que prevé a posta en marcha dunha frota de 80 vehículos eléctricos para facilitar a conexión entre a estación do AVE de Ourense e a Ribeira Sacra.
Dentro desta iniciativa, o municipio estuda a creación dun centro de recepción de visitantes en Cachamuíña, situado nun terreo posterior á actual oficina de turismo. Este espazo converterase nun punto de entrada á Ribeira Sacra, desde o que as persoas visitantes poderán deixar os seus vehículos particulares e continuar a viaxe mediante transporte público ou nos vehículos eléctricos habilitados.
O obxectivo desta actuación é ordenar os fluxos de acceso á contorna, reducindo a circulación de vehículos privados e evitando a saturación do tráfico e o impacto ambiental en zonas de especial valor ecolóxico.
Ademais do beneficio ambiental, o proxecto busca impulsar un modelo de mobilidade sostible que favoreza un turismo de maior calidade e contribúa á creación de emprego vinculado á loxística, á tecnoloxía e ao mantemento, xerando novas oportunidades no medio rural e axudando a fixar poboación.
Desde o Concello do Pereiro de Aguiar destacan que esta iniciativa aposta por solucións sostibles e de longo percorrido para mellorar a mobilidade, protexer a contorna natural e reforzar o papel do municipio dentro do desenvolvemento turístico da Ribeira Sacra.