Pena Folenche acollerá unha xornada para reivindicar o valor patrimonial da cultura da castaña

RibeiraSacraXa
A iniciativa de SoutoLAB combinará este viernes relatorios e unha visita guiada aos históricos sequeiros da Pobra de Trives
proxecto-soutolab-visitas
22 Jul 2026

O proxecto SoutoLAB continúa o seu programa de actividades arredor da cultura da castaña cunha nova cita que se celebrará o vindeiro 24 de xullo na Pobra de Trives. A proposta estará dedicada ao patrimonio cultural asociado aos soutos e terá como escenario os sequeiros de Pena Folenche, un dos conxuntos etnográficos máis representativos vinculados a este aproveitamento tradicional.

A actividade, baixo o título Patrimonio cultural da castaña: memoria e paisaxe, desenvolverase ao longo da tarde combinando unha parte técnica no Auditorio Julio Vázquez cun percorrido interpretativo polos sequeiros.

Esta xornada enmárcase nun ciclo impulsado por SoutoLAB para abordar diferentes aspectos relacionados coa cultura da castaña. O programa iniciou o pasado 17 de xullo cunha visita ao Souto de Alixo centrada na xestión produtiva dos soutos e continuará este xoves 23 de xullo no Barco de Valdeorras cun encontro dedicado aos modelos de xestión conxunta e aos aproveitamentos complementarios destes espazos. A participación nas actividades é gratuíta ata completar a capacidade, previa inscrición.

A organización destaca a importancia de celebrar esta iniciativa nun territorio especialmente ligado á castaña. As comarcas de Valdeorras e Terra de Trives reúnen arredor do 20 % dos soutos de Galicia, converténdose nunha das principais zonas castiñeiras do país.

Os sequeiros de Pena Folenche constitúen un exemplo destacado da arquitectura tradicional relacionada co tratamento da castaña. Estas pequenas edificacións de pedra empregáronse durante xeracións para o secado do froito e tamén como refuxio temporal das persoas que permanecían nos soutos durante a campaña de recollida, conservando a memoria dunha forma de organización económica e social estreitamente vinculada a este cultivo.

A programación comezará ás 16.00 horas coa recepción das persoas participantes. A continuación, Fran García, técnico da área de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega e coordinador de SoutoLAB, ofrecerá unha intervención sobre o valor da cultura da castaña como patrimonio vivo e sobre a necesidade de implicar ás persoas propietarias na procura de novas oportunidades para este recurso.

Na sesión tamén participará Vanesa Garrido, da Asociación Galega das Castañas e dos Soutos, quen analizará as características agroprodutivas da comarca. Pola súa banda, Martiño Xosé Vázquez, da Oficina Técnica do Concello de Vilar de Barrio, abordará o papel destas oficinas no desenvolvemento rural, especialmente nos municipios de menor tamaño. A parte técnica rematará cun coloquio aberto entre as persoas asistentes.

Ás 18.15 horas a actividade trasladarase aos sequeiros de Pena Folenche para unha visita guiada na que participarán Rubén Pérez, concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente da Pobra de Trives, Martiño Xosé Vázquez e veciñanza da zona. Durante o percorrido explicaranse as características arquitectónicas destas construcións, os métodos tradicionais de secado da castaña, os usos históricos dos soutos e a memoria oral ligada a este enclave.

A visita servirá tamén para avaliar o estado de conservación do conxunto e identificar elementos que se incorporarán ao Inventario Cultural de SoutoLAB, unha ferramenta creada para documentar e preservar o patrimonio material e inmaterial relacionado coa cultura da castaña.

O ciclo botou a andar o pasado 17 de xullo cunha visita ao Souto de Alixo na que participaron persoas propietarias, persoal técnico e entidades do territorio. Nesa primeira actividade analizáronse diferentes experiencias de restauración tras incendios forestais, técnicas de rexeneración e manexo silvícola, así como boas prácticas de sanidade vexetal e xestión sostible dos soutos.

A través deste programa, SoutoLAB pretende ofrecer unha visión ampla destes espazos, abordando tanto a súa dimensión produtiva como os seus valores ambientais e culturais.

O proxecto, coordinado pola Fundación Juana de Vega, conta coa colaboración dos concellos do Barco de Valdeorras, Manzaneda, San Xoán de Río e A Pobra de Trives, ademais do apoio da Fundación "la Caixa" e da Deputación de Ourense. A iniciativa nace para contribuír á revitalización da cultura da castaña nun territorio onde o abandono rural, o envellecemento da poboación e a perda de rendibilidade dos modelos tradicionais provocaron un progresivo deterioro dos soutos, con consecuencias sobre a biodiversidade, o risco de incendios e a conservación do patrimonio asociado a este cultivo.

0.12253785133362