Pedro Yáñez presidirá o PP de Manzaneda de cara ás próximas municipais

Pedro Yáñez Salgado foi elixido novo presidente do Partido Popular de Manzaneda tras a celebración do congreso local da formación, nun acto no que o PP provincial marcou como prioridade a consolidación do proxecto de cara ás eleccións municipais de 2027.
O encontro contou coa participación do presidente provincial, Luis Menor, que na súa intervención quixo destacar o papel de Yáñez dentro da organización local, poñendo en valor a “valentía” que lle atribúe no proceso da moción de censura que permitiu ao PP recuperar a alcaldía de Manzaneda, algo que non sucedía desde había case dúas décadas.
O dirixente provincial insistiu en que o partido afronta un período clave no municipio, sinalando que “Manzaneda xógase moito” nas próximas eleccións. Nese sentido, defendeu a necesidade de traballar desde xa na configuración dun equipo sólido, con capacidade para “escoitando á xente e preparando ao mellor grupo de persoas para ofrecer futuro ao concello”, asegurando ademais o respaldo da dirección provincial neste proceso.
Pola súa banda, Pedro Yáñez agradeceu a confianza recibida e asumiu o reto de dirixir a agrupación local nesta nova etapa. Na súa intervención, animou á militancia a “batallar duro neste ano que nos queda”, co obxectivo de reforzar a presenza do partido no municipio e demostrar a súa capacidade de xestión.
A renovación da presidencia en Manzaneda enmárcase nunha serie de procesos orgánicos que o Partido Popular está a desenvolver en distintos municipios da provincia durante este mes de xuño, con congresos previstos tamén en Viana do Bolo e Esgos.