Patricia Varela Fernández, nova responsable local do BNG do Saviñao

A asemblea local do Bloque Nacionalista Galego (BNG) do Saviñao renovou a súa dirección co nomeamento de Patricia Varela Fernández como nova responsable da organización no municipio. O acordo adoptouse por unanimidade na reunión da asemblea, celebrada o pasado 22 de outubro.
Varela Fernández, veciña de Vilaesteva e profesora de Lingua Galega de Secundaria en Escairón, colle o relevo de Xosé Carlos Xurxo Rodríguez, a quen a formación quixo recoñecer publicamente o seu traballo e dedicación á fronte do proxecto nacionalista durante os últimos anos.
Con este cambio no equipo de dirección, o BNG do Saviñao abre unha nova etapa coa que pretende consolidar o crecemento da formación no concello, reforzar o contacto directo coa veciñanza de todas as parroquias e presentar unha alternativa política para o municipio.
Crítica á xestión municipal
Nas súas primeiras declaracións tras o nomeamento, a nova responsable local agradeceu a confianza depositada pola asemblea e trasladou a motivación do novo equipo para traballar polo futuro do Saviñao.
Varela describiu o municipio como un lugar con numerosas posibilidades e un patrimonio destacable, pero lamentou que, ao seu xuízo, o concello arrastra desde hai tempo as consecuencias dunha xestión deficiente, marcada pola falta de iniciativas, o abandono de servizos básicos e a ausencia dun modelo de futuro.
A nova responsable remarcou que a prioridade da formación será situar no centro da axenda política os problemas reais das familias, dos sectores produtivos, do comercio local e do medio rural do municipio.
"Non nos resignamos a ver como O Saviñao perde oportunidades día a día. Imos traballar arreo, a pé de rúa e escoitando a todo o mundo, para acadar o avance, a mellora dos servizos públicos e o benestar que a nosa veciñanza merece. Hai alternativa e imos demostralo con propostas e con traballo diario", afirmou.
Un proxecto baseado no diálogo
Desde a asemblea local destacan que esta nova etapa estará marcada por un diálogo constante con colectivos, asociacións e veciños do municipio, co obxectivo de construír un proxecto colectivo que dinamice O Saviñao.
O BNG reafirma así a súa intención de se manter como voz crítica, pero tamén propositiva, dentro do concello, co propósito declarado de devolverlle dinamismo á vida municipal.