Parada de Sil impulsa a recuperación dos soutos tradicionais cun investimento de preto de 450.000 euros

Os soutos tradicionais de Parada de Sil están a ser obxecto dun amplo programa de recuperación e mellora que conta cun investimento próximo aos 450.000 euros. A iniciativa enmárcase no Plan Piloto de Fomento da Xestión Conxunta de Soutos e ten como finalidade favorecer a conservación destes espazos forestais mediante a colaboración entre propietarios.
As actuacións levadas a cabo permitiron intervir en diferentes zonas integradas na agrupación forestal conxunta Asociación de Propietarios de Soutos de Parada de Sil Canón do Sil. Os traballos incluíron tarefas de limpeza e acondicionamento dos terreos, así como actuacións específicas para mellorar o estado das masas arbóreas e facilitar o acceso ás parcelas.
Entre as intervencións realizadas figuran rozas, podas sanitarias, retirada de brotes secundarios e eliminación de biomasa, ademais da mellora de camiños mediante a limpeza da vexetación, a apertura de cunetas, a reparación de firmes e a reconstrución de muros. No que respecta aos soutos, executáronse labores de formación e saneamento das árbores, eliminando pólas secas e brotes que dificultan o seu correcto desenvolvemento.
Os traballos desenvolvéronse nunha superficie total de 28,85 hectáreas repartidas entre os soutos do Castro, Fondo de Vila, Entrambosríos e O Valado-Purdeus. O proxecto busca contribuír á recuperación produtiva destes espazos, mellorar a súa conservación e reducir o risco de incendios forestais mediante unha xestión activa do territorio.
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou o municipio para coñecer o resultado das actuacións e destacou a importancia deste tipo de iniciativas para fomentar a colaboración entre propietarios, evitar o abandono dos terreos e impulsar unha xestión forestal sostible e coordinada.